As familias de Muros tamén se mobilizan contra a precaria atención pediátrica na comarca

Xa vimos a mobilización que están conseguindo as familias de Carnota para intentar recuperar o servizo de pediatría. Por Muros a cousa segue o mesmo camiño, e as moitas das familias e algunhas entidades sociais queren trasladar a súa profunda preocupación pola situación de desatención pediátrica que vén sufrindo a comarca dende hai case un ano.
As familias reclaman unha solución urxente e efectiva á situación, pois consideran que "non podemos seguir tolerando unha situación de precariedade que compromete a saúde e o benestar dos nosos fillos e fillas". "Esiximos a cobertura inmediata da praza vacante e a dotación de recursos axeitados para garantir unha atención pediátrica de calidade nos nosos concellos", sinalan nun comunicado conxunto no que ademais fan "un chamamento ás autoridades sanitarias competentes para que actúen con responsabilidade e axilidade ante esta situación insostible".
Descrición da situación
Aproveitan o comunicado para describir o que levan vivindo coas súas crianzas no último ano:
A praza dun dos pediatras da zona leva dez meses sen cubrir tras unha baixa médica, o que provoca que unha soa profesional teña que atender a arredor de 900 cativos e cativas dos concellos de Muros e Carnota. Esta sobrecarga de traballo é claramente insostible, tanto para a profesional como para as familias, que vemos vulnerado o dereito dos nosos fillos e fillas a unha atención sanitaria digna.
Ademais, as familias asignadas ao pediatra de baixa non temos acceso á app Sergas Móbil, polo que só podemos solicitar cita por vía telefónica, e en función dos ocos dispoñibles na axenda da outra pediatra. Esta limitación engade máis dificultades á atención e organización familiar.
Cando a pediatra titular está ausente, a súa substitución limítase a un horario reducido de 8:00h a 12:00h, e non sempre se cobre a xornada completa nin todos os días. Fóra deste horario, os nenos e nenas maiores de 3 anos son derivados ao médico de familia, mentres que os de 0 a 3 anos son enviados ao centro de saúde de Outes —se se chega antes das 12:00h— ou, noutro caso, ao centro de saúde de Noia.
A situación agrávase en épocas vacacionais, especialmente no verán, cando o concello experimenta un notable aumento de poboación sen que se envíe ningún reforzo sanitario para cubrir as ausencias. Esta falta de previsión e de resposta institucional provoca unha situación crítica e prolongada no tempo.
Cómpre destacar tamén que só se ofrece atención pediátrica en horario de mañá, e para casos de urxencia fóra dese horario, o centro hospitalario de referencia atópase a 70 km de distancia, o que implica un desprazamento inasumible en moitos casos e unha grave discriminación territorial.
Máis novas sobre o conflito