Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A historia de Muros en 15 fotografías de Juan Málvarez

Imaxe de Muros na primeira metade do seculo XX-Foto-Juan Malvarez
Imaxe de Muros na primeira metade do seculo XX-Foto-Juan Malvarez
A historia de Muros en 15 fotografías de Juan Málvarez

Esta semana tivo lugar a presentación do libro “Juan Málvarez”. Un libro cargado de historia, da historia en imaxes que o fotógrafo recolleu da vida social muradán entre 1910 e 1955.

Da man de Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, coa colaboración de Josefina Novo Malvárez (neta do fotógrafo), e editado polo Concello de Muros, este libro representa unha boa imaxe do que é un novo proceso de recuperación e posta en valor do noso patrimonio fotográfico, aínda lonxe do que Laxe está realizando co Arquivo Vidal ou do que se pode facer co esquecido legado de Ramón Caamaño, os outros nomes propios da fotografía histórica da Costa da Morte.

”Estes retratos de estudio non só nos permiten estudar as estéticas con que se representaban os diferentes grupos sociais, senón que proporcionan información dos gustos, das formas de vestir e peitearse… que unidas ás fotografías realizadas no exterior nos permiten achegarnos a ver como era a vida en décadas pasadas. Do mesmo xeito, as vistas permítennos ver como a vila se foi transformando co paso do tempo. En definitiva, son memoria visual da comarca”, reflexionan os autores, que ademais nos dan repaso pola vida de Málvarez, ao tempo que nos presta estas imaxes:

Visita de Castelao a Muros-Foto-Juan Malvarez
Visita de Castelao á comarca-Foto-Juan Malvarez

Juan Malvárez Dubert nace no ano 1889 na vila de Muros, no seo dunha familia relativamente acomodada, tradicionalmente moi relixiosa: dous dos seus irmáns son cregos, outro médico e unha irmá mestra, mentres que o seu pai vivía das rendas das terras que posuía. El desprázase en 1909 a Santiago para estudar ebanistaría na Escola de Artes e Oficios. Durante a estadía en Compostela vive co seu irmán Joaquín, que como crego da catedral residía no Pazo de Raxoi. Vai ser precisamente este irmán, fotógrafo afeccionado, quen o introduza na fotografía.

Ao regresar a Muros establécese como ebanista, traballando para as familias con maior poder económico da vila, pero como o oficio non lle subministraba suficientes beneficios, comenza a traballar tamén como fotógrafo, asociado co seu irmán Joaquín. A través dunha foto de 1914-15, asinada no passepartout como “LA NOVEDAD. Juan Malvárez”, temos constancia de que nese momento xa está a traballar como fotógrafo. Anteriormente hai algunha imaxe como a do naufraxio en 1910 no baixo Ximela na ría de Muros do vapor inglés Larpool, que ía cargado con piñeiros rumbo a Cardiff, que dá testemuño da súa actividade fotográfica

Nos últimos anos do século XIX e nos primeiros do XX traballara como fotógrafo en Muros Manuel Dubert Novo (1870-1946), quen fora alcalde da vila e deputado antes de marchar en 1915 para Cuba, tamén ebanista, e aínda que non eran parentes próximos, ambos descenden do francés François Dubert que chegou a Muros en 1802. Tamén estivo estabelecido na vila o fotógrafo Francisco Díez, coñecido pola xente de máis idade como Elías, polo seu parentesco co tamén fotógrafo Elías Díez de Noia. Nos anos 60 instálase en Muros o fotógrafo Otero, quen aprendera o oficio por correspondencia, que na actualidade lembra a Malvárez como un fotógrafo importante, tiña a categoría dos de Santiago.

No ano 1920, Málvarez casa con Ventura Gil.

O primeiro estudio de Juan Malvárez estaba no primeiro piso da súa vivenda na Praza do Mercado. Posteriormente, en 1922, compra unha casa na Praza de Gracia que fora unha paxareira, perto de Curro da Praza a onde lle gustaba ir pasear, e tras rehabilitala traslada alí a súa vivenda e instala o estudio no piso superior. A súa muller era a que se encargaba de recibir, atender e acicalar as visitas no cuarto dedidaco a vestidor. Na planta baixa da casa tiña o taller de ebanistaría e o laboratorio, no que ademais de procesar as súas fotografías revelaba as radiografías do doutor Iglesias. No portal exhibía algunhas das fotografías realizadas, nun expositor de madeira.

Como era habitual nos fotógrafos daquela época, a maior parte do traballo eran retratos (de aí que lle chamaran “retratista”). Algún acontecemento conseguía sacalos do estudio, como as botaduras de pailebotes, que aproveitaba para publicar na revista Vida Gallega (1918). Daquela cubría toda a comarca até O Pindo, antes de que se construíse a ponte sobre o Xallas que une o Pindo con Ézaro, e caza estampas tamén da epidemia de tifo en Lira.

Non faltan tampouco as vistas da vila, moitas das cales deron lugar a postais; ou as festividades relixiosas; ou a fotografía anual do grupo dos nenos de primeira comuñón na porta da igrexa; ou das excursións que fai coa familia. De particular interese son as imaxes das tradicionais xeiteiras no porto coas velas despregadas a secar, realizadas con cámara de 35 mm das que por desgraza os negativos están moi deteriorados. Estas fotografías como as dos pailebotes remítennos a un mundo do mar moi diferente do actual.

Ao principio os desprazamentos facíaos en bicicleta, na que cargaba coa cámara de placas e co trípode. Posteriormente pasa a realizalos en taxi.

A vinculación da fotografía coa emigración en Galicia é total, sobre todo nas clases populares nas que a emigración era masiva. A emigración determina o fin da imaxe e ao mesmo tempo fornece de medios para poder realizala.

Segue a traballar até a súa morte en 1969, ao final coa saúde moi deteriorada, e na última década conta coa axuda da súa filla Perpetua, nada en 1932.

Industria de Muros de primeira metade do seculo XX-Foto-Juan MalvarezEmbarcacions tradicionais na primeira metade do seculo XX na ria de Muros-Foto-Juan MalvarezBotadura de Paliebote en Muros-Foto-Juan MalvarezArmada nas rias da Costa da Morte-Foto-Juan MalvarezRetrato familiar en Muros-Foto-Juan MalvarezEstampa de Muros-Foto-Juan MalvarezRetrato familiar en Muros-Foto-Juan Malvarez 2

Retrato feminino de seculo XX por Juan Malvarez 3Retrato feminino de seculo XX por Juan MalvarezRetrato feminino de seculo XX por Juan Malvarez4Retrato feminino de seculo XX por Juan Malvarez5Retrato feminino de seculo XX por Juan Malvarez 2

Escena de Muros-Foto-Juan Malvarez

Novas relacionadas

 

Comentarios