O muradán Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

O pleno da Real Academia Galega apoiou a candidatura (a única) de Henrique Monteagudo (Muros, 1959) á presidencia. O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.
Neste novo período de “continuidade e novo pulo” a Academia seguirá a traballar na defensa do idioma. Dentro da súa estratexia "positiva" de servizo público, a entidade presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo, nun período no que regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.
A de Henrique Monteagudo foi a única candidatura rexistrada. O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita.
A defensa do idioma, unha “necesidade imperiosa”
Henrique Monteagudo puxo o acento na defensa da lingua galega, elemento axial da institución fundada en 1906, e comprometeuse a procurar novas formas de exercer esta responsabilidade, “cada vez máis imperiosa” por mor das medidas restritivas desenvolvidas na súa contra, advertiu. Desde 2010, cando se comezaron a adoptar marcos e accións contra o galego como o chamado Decreto do Plurilingüismo, a Academia veu exercendo unha posición crítica constante, con recursos xudiciais que chegaron ata o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e con máis de dez declaracións institucionais. Na última delas, aprobada no pleno de decembro de 2024, reclamaba un acordo político e social polo idioma.
“Non nos cansaremos de insistir na necesidade, que arestora é urxencia, dese pacto”, salientou Henrique Monteagudo. “Ao mesmo tempo, procuraremos novas formas de exercer a nosa responsabilidade na defensa da lingua, sempre co obxectivo de facela máis eficaz”, proseguiu. Sen abandonar a análise crítica, avogou así por afondar “nunha liña propositiva, en sintonía coas iniciativas que xorden do corpo social”. “Debemos seguir investindo en fomentar a sensibilidade social cara ao idioma, alentar as iniciativas positivas e visibilizar experiencias enriquecedoras, ao mesmo tempo que tentamos esclarecer os problemas con críticas ilustradas e con propostas construtivas”, engadiu.
O novo presidente sinalou ademais a oportunidade que supón seguir fortalecendo a difusión e a accesibilidade dos recursos de consulta lingüística, aproveitando as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías para superar a fenda entre o galego e o castelán. Alén de aspirar ao reforzamento do equipo que traballa no Dicionario da Real Academia Galega, confiou en que na primeira metade do seu mandato poidan presentarse outras ferramentas de utilidade para o estudo e a divulgación do idioma como o Dicionario bilingüe castelán-galego, a Gramática do galego e o Dicionario de apelidos.