Sábado. 31.10.2020
El tiempo

O muradán Lucas Rei Ramos acada o primeiro premio do Concurso Internacional de Composição de Póvoa de Varzim

Lucas Rei Ramos recollendo o premio en Povoa de Varzim. Foto: Insónia Image Production
Lucas Rei Ramos recollendo o premio en Povoa de Varzim. Foto: Insónia Image Production
O muradán Lucas Rei Ramos acada o primeiro premio do Concurso Internacional de Composição de Póvoa de Varzim

O músico muradán Lucas Rei Ramos vén de gañar o 1º premio, nada menos que 2.000 euros, da 13ª edición do Concurso Internacional de Composição da Camara de Póvoa de Varzim. Un premio que vén ademais no marco dun festival que ten 42 anos de historia e que reúne moita xente da música contemporánea portuguesa.

De aí que alegría deste muradán sexa triple, pois ademais admite estar “moi contento porque é un recoñecemento da comunidade, porque son escollidos por compositores de prestixio”. O concurso estaba aberto a compositores de todo o mundo nados a partir de 1985. A obra gañadora chámase “As estruturas de Solaris”, e está inspirada na novela de ciencia ficción Solaris, de Stanisław Lem. O outro finalista, Manuel Brásio, natural de Viana do Castelo, gañou o 2º premio e o premio do público.

Lucas, nado en 1986, formouse no jazz, pero pouco a pouco foise pasando ao mundo da composición, chegando mesmo a dar clases como profesor no Conservatório de Música do Porto.

Non podemos falar de Lucas como saído da factoría Nasmo, porque cando naceu a prolifica sala de ensaio e xa traballaba na Sala de Ensaio Municipal en Compostela, e tamén traballaba e ensaiaba co seu grupo de jazz na de Pontevedra. “O feito é que estudei practicamente toda a primaria en diante en Santiago, pero sempre visitei Muros con frecuencia, pois grande parte da miña familia aínda vive alí. Obviamente agora éme un pouco máis difícil mante-las visitas, aínda que intento deixarme caer en canto teño ocasión. Creo que calquera muradán, incluso alguén coma min que xa non vivo alí desde cativo, sabe que esa vila (e o Concello enteiro) ten un aquel especial que cada vez aprecio máis, especialmente canto máis mundo vou coñecendo”, explícanos deixando patente o seu amor pola terra.

 Lucas Rei Ramos  
  • QPC: Como foron os teus comezos na música? E como é que non se che deu polo pop, rock ou o punki, como a meirande parte dos novos músicos muradáns?

Polo que me contan os meus pais, sempre tivera un aquel coa música. Por exemplo, era capaz de identifica-lo autor dunha canción cando a puñan na radio sen escoitala antes. Na miña casa escoitábanse moito os discos de Pat Metheny, o guitarrista de jazz, e por iso teño un espazo especial no meu corazón para eses discos. A miña nai decidiu porme en clases de piano ós 8 anos, e un par de anos máis tarde fun ver un concerto de fin de curso dos meus amigos, que estudaban en Estudio, Escola de Música, que era a escola de jazz máis relevante que había Santiago. Cando vin o que facían dixen que aí é onde quería estudar, e alí estiven, ininterrumpidamente ata que con 19 anos me fun de Erasmus.

Alí tiven un profesor moi especial sendo moi cativo, Tomás Rábanos, que tiña unha pedagoxía especial. Ultimamente e co gallo do concurso e a miña peza para percusión lembreime moito deste profesor e das súas aulas de Orquestra Orff, onde traballábamo-la percusión de conxunto. Creo que grazas ó que aprendín con este profesor, e na escola en xeral con tódolos profesores polos que pasei, entendo a música sobre todo como unha forma de desfrute a medida que se van buscando novas formas de tocar. Ou se queres, como algo que debía ser un instrumento para ser feliz.

Con isto tamén che respondo a outra das cuestións: creo que en min tamén hai algo de rockeiro, non só na música que escoito, pero tamén na forma de encarar un papel pautado en branco

  • QPC: Como foron eses inicios no mundo do jazz e cando te pasaches á composición?

Á miña volta, rematei a Licenciatura en Comunicación Audiovisual facendo o último ano en Pontevedra, e alí aproveitei para forma-lo meu grupo de jazz (jazz progresivo dicían algúns!) Pi Graos, que estivo en activo entre os anos 2008 e 2014. Ensaiabamos no Local de Música, as instalacións municipais de ensaio.
Con ese grupo chegamos a gañar varios premios (2º do Xuventude Crea 2009, 3º do Musicaxove - outras músicas 2009 e 1º do Xuventude Crea 2013). Tamén participamos en festivais de música, os máis grandes foran o Festival de Jazz e Blues de Pontevedra en 2010 e o Encerezados, de Cerezales del Condado (León) en 2013

A partir daí din un pequeno xiro á miña vida musical. Decidín que o que me apetecía era mellorar como compositor e probar outro tipo de músicas alén do jazz, sen abandonar este. Despois de considerar varias opcións, decidín en 2015 candidatarme á Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) no Porto para estuda-la Licenciatura en Composição, que rematei o ano pasado.

  • QPC: E a día de hoxe?

Actualmente continúo estudos de Mestrado em Composição na mesma escola. Durante a Licenciatura nesta escola, cada ano escollemos un profesor diferente para estudar composición en clases individuais, co que imos desenvolvendo un traballo semana a semana. Así, estudei cos profesores Carlos Azevedo (tamén profesor da área de jazz e pianista jazz), Dimitrios Andrikopoulos, Eugénio Amorim, Daniel Moreira e Rui Penha. Ó ser unha escola bastante abranguente, tamén se estuda jazz, música antiga, tecnoloxías da música e teatro. Por iso, tiven a oportunidade tamén de estudar composición jazz para Big Band, neste caso co pianista galego Abe Rábade, o que me levou a estrea-la miña primeira composición para Big Band Grumpy Levy na Casa da Música en 2016.

Nesta escola entrei en contacto coa música electrónica, e tiven a oportunidade de presentar un proxecto de música interactiva, cun singular “Xadrez I” no Festival Semibreve en Braga e na Bienal de Cerveira. Nesta instalación, a música que soa é xerada automaticamente en tempo real a partir do xogo de dous xogadores de xadrez. Se todo vai ben, será presentada nos próximos días tamén en Santiago de C., pero C. de Chile!, no festival Ai-maako. Era para ser presencial, pero finalmente esta edición do festival será online. Creo que séra anunciado nos próximos días.

Alén diso, tiven unha encarga dunha peza electrónica, “Esta lingua aínda non existe”, para o festival Mixtur en Barcelona, o ano pasado.
Outra encarga que tiven este ano foi a peza obrigatoria para violín nivel superior do Prémio Jovens Músicos Antena 2 (a Antena 2 é o equivalente á Radio Clásica de aquí). É un premio de intérpretes, e a peza que me encargaron é a que deben tocar todos os que pasen á eliminatoria.

  • QPC: Daquela, podería dicirse que as túas composicións actuais nacen dun cúmulo de músicas?

O certo é que despois de todos estes anos a música que fago agora mesmo é un crisol entre aquilo que eu era antes de entrar e todo o que aprendín na escola, e creo que na peza que escribín “As estruturas de Solaris” isto ponse un pouco de manifesto, pois mesturei partes onde se busca máis escoita-los diferentes timbres e texturas de cada un dos instrumentos con outras partes intrincadamente rítmicas moi propias da miña “vida pasada” como músico de jazz.
Como estudante de composición, se cadra é máis fácil aprende-la técnica para compor do que realmente atopa-lo estilo co que estás satisfeito e que mellor che define. No meu caso, creo que o máis desafiante é atopar ese equilibrio entre consonancia e disonancia, entre complexidade e accesibilidade, entre o agradable e o áspero; que me satisfaga. Non sei moi ben como explicalo…

Aquí vos deixamos con esta, unha das súas composicións.

 
* A foto individual é de Xaime Cortizo

comentarios