Sábado. 20.04.2024
El tiempo

División ante ampliación da depuradora de marisco de Punta Abelleira

Zona de Abelleira-Muros
Ubicación da depuradora de Mariscos que hai en Punta Abelleira dende hai 35 anos
División ante ampliación da depuradora de marisco de Punta Abelleira

En marcha está o proxecto de ampliación da depuradora de moluscos instalada en Punta Abelleira. Unhas obras que prevén construción dun novo peirao para barcos bateeiros no lugar da rampla varadoiro tradicional, onde a día de hoxe amarran varios veciños as súas chalanas, compartindo espazo cunha das empresas máis potentes do Concello de Muros. Mariscos Antón conta con 90 empregados, moitos do lugar, e factura arredor de 14 millóns de euros ao ano.

Pero para moitos veciños as obras suporán a “privatización do peirao” e consideran que “poderían ameazar seriamente un banco marisqueiro dos areais da enseada de Bornalle, ademais de provocar un impacto paisaxístico que pode prexudicar o turismo na zona”.

Así o expoñe os membros da Asociación de veciños A Ostreira, que vai presentar alegacións ante a Demarcación de Costas de Galicia a un proxecto que require modificar a concesión do dominio público marítimo-terrestre do peirao. 

A empresa mercou e reactivou hai poucos anos a depuradora de marisco, xa construída dende hai 35 anos, e depura mexillón, ameixa e berberecho. Boa parte da materia prima que trata é marisco do propio lugar, que extraen mariscadoras da confraría, devolvendo, aseguran, "a auga tan limpa como a que collen".

Dende a empresa, unha das que máis colabora na zona con festas, eventos e entidades deportivas… queren chegar a un acordo cos veciños, e de feito esta mesma tarde de mércores o enxeñeiro que fixo o proxecto manterá unha reunión cos veciños e o Concello. Sinalan que que están facendo todo o que pide a administracións para explotar mercantilmente o peirao.

Un conflito similar nos anos 70

O presidente da asociación de veciños, José Antonio Rama, sinala que “os veciños non estamos dispostos a tolerar que se privatice un lugar que é de todos”, e afirma que a alcaldesa Inés Monteagudo, se comprometeu a estudar a presentación de alegacións por parte do Concello.

Tamén lembra que a zona da praia de Liñares, pegada á Punta Abelleira, xa foi solicitada para privatización no ano 1972, e topou ca oposición directa frontal da parroquia de Abelleira, que tivo incluso que facer fronte á Garda Civil e logrou naquel momento impedir o peche da zona e o seu paso a mans particulares. “Este capítulo da historia permanece vivo na memoria colectiva e as persoas manifestan actualmente a súa intención de volver defender o ben común que pretende ser arrebatado”, sinala Rama.

Comentarios