Rematadas as obras do depósito de auga de Esteiro, "que estaba en risco de derrubamento"

O Concello de Muros informa do remate dunhas obras “moi necesarias e importantes” para a reparación “integral e estrutural do depósito de auga de Esteiro”. Un dos vasos do depósito levaba tempo inutilizado, con graves filtracións e serio risco de derrubamento, e o vaso que estaba en uso estaba tamén en moi mal estado, polo que as parroquias de Tal e Esteiro podían quedar sen subministro de auga.
As obras consistiron na impermeabilización dos dous vasos do depósito, a reparación exterior de varias zonas que amosaban desperfectos importante, o reforzo das vigas do teito con piares de apoio e uns traballos para o ‘grapado’ da cuberta das instalacións, que cedera en gran parte.
O orzamento total da actuación foi de 67.766,66 euros, subvencionada en parte pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas para evitar fugas de auga nas redes dos concellos.
A concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, afirma que “con estas obras e facendo un correcto mantemento do depósito, temos asegurado o bo funcionamento dos tanques durante moitos anos”.