xoves. 29.05.2025
El tiempo

Rematan unhas obras en Muros para evitar a filtración de auga salgada na rede de saneamento

obras saneamento muros
obras saneamento muros
Rematan unhas obras en Muros para evitar a filtración de auga salgada na rede de saneamento

O Concello de Muros rematou unhas obras para evitar as infiltracións de auga mariña na rede de saneamento, que poden afectar ao funcionamento da EDAR de Muros.

“Os motivos das infiltracións son varios, como a entrada polos aliviadoiros existentes e a filtración polas canalizacións de formigón, e desde o concello temos que atopar solucións”, explica a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira.

“As tarefas consistiron na instalación de tres válvulas de retención, cun investimento de 18.000 euros, para limitar a entrada de auga con sal na EDAR”, engade a alcaldesa, María Lago.

Recentemente, Augas de Galicia inspeccionou varios pozos de rexistro da rede de augas pluviais, que discorre paralela ao colector xeral de saneamento na rúa Porta da Vila, e que ademais abrangue a zona do núcleo de Muros, na que se rexistran as maiores lecturas de condutividade.

Se entra auga con elevada condutividade (sal) na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) pode causar problemas no tratamento e afectar á eficiencia do proceso de depuración. 

Para as incidencias detectadas, propúxose a instalación directa de tres clapetas (válvulas de retención) nos puntos de vertido dos pozos. A actuación correu a cargo dun equipo de cinco mergulladores.

Estas clapetas permiten o paso da auga nun sentido e bloquean o fluxo no sentido contrario, é dicir, permiten que a auga poida saír pero non entrar. 

Comentarios