Luns. 29.04.2024
El tiempo

Tremor xudicial no tecido asociativo de Muros

  • A Asociación das Carrilanas pide a dimisión da Concelleira de Cultura por un caso xudicial
Imaxe dun concerto do Festival das Carrilanas
Imaxe dun concerto do Festival das Carrilanas
Tremor xudicial no tecido asociativo de Muros

Tensos días por Muros. Un confito xudicial vén de provocar un tremor no tecido asociativo cultural, entre dúas das asociacións que máis e mellor traballan por facer cousas no concello muradán. Dúas entidades, ADC Esteirana de Carrilanas e Asociación Praia do Castelo, que levan 20 anos compartindo experiencias, cunha relación cordial, poñendo Muros e Esteiro no panorama estatal e que son máis que necesarias para a dinamización cultural mesmo da comarca, gracias a eses marabillosos Festivais das Carrilanas de Esteiro (que cumpre este ano 35 anos) e Festival Castelo Rock (que celebra o 20 aniversario).

Tras falar con varios veciños da zona, e con varios membros de cada asociación, facemos un repaso da situación, tentando non avivar o lume.

Contexto

Todo nace dun conflito acontecido no Festival das Carrilanas de 2019. Un membro da empresa de seguridade do festival (unha das máis importantes de España en materia de eventos, que traballa nos dous festivais) reduce e esposa a un rapaz ao velo realizando accións ilegais, segundo o persoal de seguridade, mentres espera pola chegada da Policía.

O mozo, con vinculación familiar co PSOE muradán, decide denunciar ao garda de seguridade por unhas feridas que lle fixeron as esposas, e contrata como avogado a Ángel Vázquez González, e como procuradora á súa nai, Caridad González. Ángel é o actual presidente da Asociación Praia do Castelo e Caridad a actual Concelleira de Cultura polo PSOE (que forma goberno co BNG), se ben en 2019 non tiñan ditos cargos.

O proceso xudicial foi avanzando, no que o acusado pide 38.000€ de indemnización e 3 anos de prisión para o garda de seguridade. Tras moitas conversas en privado, a chispa salta hai apenas un mes cando a asociación esteirá reciben o escrito de acusación (que foi presentado o 20 de xullo do 2022) no que o avogado solicita imputar á Asociación das Carrilanas como responsable civil subsidiario, como medida para asegurarse o pago ao seu cliente no caso de que o acusado ou a súa empresa non pague a indemnización.

É aquí cando a Asociación das Carrilanas trata de pedir que o avogado retire esa acusación, e mesmo piden, a través da mediación da alcaldesa, que Caridad que deixe o caso. Pero ante a doble negativa decide sacar o caso á luz, publicando este comunicado, no que pide a dimisión da Concelleira de Cultura. “Pedimos a dimisión de Caridad ou que deixe o caso, porque consideramos que non é compatible, dende logo moralmente, e mesmo que entendemos que nin legalmente, porque como Concelleira de Cultura e como ex alcaldesa xoga con vantaxe no caso porque ten acceso a toda a documentación que lle temos remitido ao longo dos anos”, explica David Fdez., membro das Carrilanas. “Que necesidade teñen de aceptar un caso así?”, pregúntanse, puntualizando que “nós contra o Castelo Rock non temos absolutamente nada, todo o contrario”, a pesar dunha frase no comunicado na que din “romper a súa relación” coa entidade curmá.

Comunicado das Carrilanas de Esteiro
Comunicado das Carrilanas de Esteiro

Se ben a Asociación Praia do Castelo, organizadora do Castelo Rock, prefire manterse ao marxe é seguir traballando na organización do 20 aniversario, incidindo en que “non hai problemas entre festivais”, o que parece decidido a continuar co conflito é o seu presidente a título persoal co asunto. “Os dous festivais sempre fumos na man e sempre houbo moi bo rollo con toda a súa xente. Pero eu débome ao meu traballo. O procedemento empeza 4 antes de que colla o mando do Festival; eu presentei o escrito de acusación en 2022, e eu fágome cargo do festival en 2023”, explica Ángel Vázquez, na nosa conversa despois de lanzar este comunicado a título persoal nas súas redes sociais.

Comunicado de Angel Vazquez
Comunicado de Ángel Vázquez

”Non entendo como tratan de vincular o meu traballo profesional coa miña vida privada, facendo ademais mala prensa da Asociación e do meu traballo. Pero eu débome ao meu cliente, e como marca a lei, as Carrilanas teñen que ser responsables civís subsidiarios. O primeiro que pagará deberá ser o axente, despois a súa empresa e no último caso as Carrilanas, ás que seguramente lle cubriría o seguro de responsabilidade civil”, explica.

”A min perxudícanme laboralmente, porque agora que pensan os meus clientes de Esteiro ou os que poida ter? Asi que voulles mandar un burofax aos membros da directiva, non á Asociación Carrilanas, pedindo que retiren o comunicado e que pidan desculpas nos mesmo termos que me acusaron, ou senón vou denuncialos a titulo persoal por inxurias”, ameaza Ángel.

Dende a distancia, lamentamos este episodio que está tensando a vida social muradá, e agardamos que as augas volvan ao seu cauce, que o caso quede en nada, e que este verán poidamos disfrutar de dúas datas tan especiais como o 35 aniversario das Carrilanas de Esteiro e o 20 aniversario do Festival Castelo Rock.

Comentarios