Varios centros de ensino cantan o "Estudiando baixo a chuvia" cos temporais

Xa teñen denunciado en numerosas ocasións os problemas dos seus centros de ensino cando chegan os temporais. O paso do Qumaira, e do Petra, emais do Nadja, deixaron as súas consecuencias en varios colexios da bisbarra, como son o CEIP Ramón Artaza de Muros ou o CEOP Os Muíños.
A ANPA dos primeiros achégannos unha carta-denuncia con imaxes das pingueiras e das humidades. Mentres, dende Os Muíños, o equipo de Dirección envía imaxes de como tiveron que desaloxar as aulas porque quedaron absolutamente anegadas.
Desfeita no CEIP Os Muíños

Pegou forte na zona de Muxía, pois ademais desa árbore, o equipo directivo do CEIP "Os Muíños" desexa facer público o informe dos danos producidos pola chuvia onte, día 6 de febreiro, e que xa foi remitido ás autoridades educativas.
Varias aulas, así como a sala de mestres, quedaron anegadas e foi preciso sacar o mobiliario e material da aula e trasladar ó alumnado a outra dependencia do centro.
“Estudiando baixo a chuvia" no Ramón Artaza


A sucesión de temporais agrava a situación de deterioro do tellado e doutras estruturas do centro de educación infantil e primaria de Muros. Algunhas aulas e espazos comúns como baños, escaleiras, corredores, vestiarios, e patio interior de xogos de educación infantil están inutilizados.
As nais e país de alumnas e alumnos do CEIP Ramón de Artaza están preocupados polo grave deterioro que está a sufrir a escola dos seus fillos. Os desperfectos están impedindo o normal desenvolvemento da actividade educativa. E con cada choiva o número de pingueiras multiplícase e esténdese a un maior número de espazos. Nestes momentos, a inundación dunha das aulas de quinto curso obrigou a trasladar ao alumnado a outro espazo menos axeitado, e os rapaces de todo o centro conviven con caldeiros e outros recipientes para recoller as pingueiras que percorren escaleiras e corredores enchoupados e con espazos “empapelados” con periódicos para intentar reducir o risco de esvaróns.
O centro estase deteriorando a pasos axigantados pola acción da auga e pola falta de mantemento. Unha obra que podía ser pequena vaise converter nunha reparación moito máis complexa e sobre todo COSTOSA. Cae a pintura, pudren as caixas das persianas, mobles, estanterías, material escolar etc.
Esta situación prolóngase desde hai máis de dous anos. As sucesivas queixas , solicitudes e cartas dirixidas ás autoridades responsables non deron ningún resultado. Nin o Concello de Muros nin a Consellería de Educación deron ningunha solución válida ao problema das pingueiras. “Só nos dan largas”, explican os membros da ANPA.
Polo de agora, e á modo de emerxencia,empréganse caldeiros e bañeiras para a recollida da auga e papeis de periódico para tentar ter un ambiente algo máis enxoito e seguro que impida caídas sobre todo nas zoas con escaleiras. “ Os nosos fillos e fillas teñen dereito a un ambiente cómodo, tranquilo e por suposto tamén seco onde poidan estudar “ afirma Guadalupe Rodríguez, nai de dúas alumnas.
Representantes da asociación de país e nais do Ramón de Artaza lanzan un chamamento de socorro S.O.S á Xunta e ao Concello e esixen a súa intervención inmediata para resolver o problema. “Temos no noso poder unha carpeta onde almacenamos copias das diferentes xestións que xa temos feito ao respecto e pensamos que é hora de que as autoridades respondan dunha maneira efectiva. Se isto non ocorre e se non recibimos unha resposta rápida e con resultados reais, estamos considerando tomar máis medidas, pois a situación é xa insostible, di Mª Carmen Lestón, presidenta da ANPA.
“Esiximos tamén que un Técnico da Consellería veña ao centro para valorar a situación e as posibles solucións” seguen comentando desde a ANPA, “Os nosos fillos están a correr perigo, pois a auga baixa polos tubos da luz, esvaran, etc e non queremos que chegue a pasar algo que logo todos lamentaríamos. Esiximos unha solución xa!
Novas relacionadas
- 07-02-14: O temporal Qumaira tamén deixou cifras marca en Galicia.
- 05-02-14: O novo temporal Petra segue arrasando a Costa.
- 03-02-14: O temporal Nadja na Costa da Morte, todo un espectáculo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).