Venres. 29.03.2024
El tiempo

A arte de Soledad Penalta protagoniza o setembro da Galería de Mulleres de Muxía

A arte de Soledad Penalta protagoniza o setembro da Galería de Mulleres de Muxía
Soledad Penalta escultora de Noia na Galeria Mulleres de Muxia copia

Continúa a Galería de Mulleres de Muxía, da man de Viki Rivadulla, dando voz ás mulleres que fan historia neste país. Desta volta, neste setembro de 2018 viaxamos ata Noia, onde naceu a escultora Soledad Penalta, un dos grandes valores da escultura contemporánea no noso país. Unha artista que ten moita relación con Muxía, pois dúas esculturas súas están situadas na Praza do Coído.

Esculturas de Soledad Penalta en Muxia copia Esculturas de Soledad Penalta na Praza do Coído de Muxía

Comezou a súa carreira artística traballando coa cerámica, e desenvolveu o seu traballo en diferentes seminarios e talleres, con mestres como Díaz Pardo. Nos 90 principiou a traballar con fundicións en bronce, ferro e aceiro, salientando as esculturas de gran formato para exterior, algunhas das cales están expostas publicamente, como no paseo marítimo da Coruña, no parque escultórico da Torre de Hércules ou o busto a María Mariño en Noia. A súa personalidade defínese sobre todo nestas pezas de ferro, nas que podemos apreciar modos que se inician en Gargallo e van ata Chillida, tendo Soledad unha personalidade propia que dota de vida á materia inanimada. A súa obra ten unha grandiosidade innata que nos sitúa fronte a figuras totémicas e bestiarios oníricos. A chapa de ferro fala dende as súas dobreces, dende as incisións e as curvas que Soledad lles imprime.

O seu curriculum é tan extenso que é imposible reproducilo aquí. Destacar as súas innumerábeis exposicións, premios e títulos honoríficos. No presente ano participa no ARTE+MULLER+GALICIA dirixido por Rosario Sarmiento.

E xa sabedes que na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía podes atopar libros sobre arte, feminismo e xénero.

Galería Mulleres de Muxía

Fonte

Comentarios