venres. 03.04.2026
El tiempo

A Galería Mulleres coñece a historia de superación da icónica Sinéad O´Connor

Seguimos percorrendo a historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Hoxe coñecemos polo miúdo unha figura icónica da música mundial: Sinéad O´Connor (Dublín 1966- Londres 2023. Cantante, compositora e activista).

Galeria Mulleres Sidney OConnor
A Galería Mulleres coñece a historia de superación da icónica Sinéad O´Connor

Defendeu os dereitos das mulleres, da comunidade LGBT, a importancia da saúde mental e revelou verdades incómodas que destruíron a súa carreira, pero xamais se arrepentiu. Sinéad foi unha loitadora e, en moitos sentidos, pagou o prezo máis alto pola súa valentía. 

A súa vida non foi fácil. Na súa infancia hai unha historia de malos tratos e abusos. E en 2022 tivo que vivir o peor que se pode imaxinar, o seu fillo, Shane Lunny, ao que estaba moi unida, suicidouse aos 17 anos. 

Na música tivo gran éxito internacional e foi unha artista singular. O seu segundo álbum, “I Do not want i haven´t got”  (1990), recibiu críticas moi boas, vendendo máis de sete millóns de copias. O seu sinxelo principal, “Nothing Compares 2 U”, foi single número un mundial en 1990. Lanzou dez álbums de estudo, e en 2005 obtivo disco de ouro en Irlanda. A súa obra incluíu cancións para películas, colaboracións con moitos outros artistas e aparicións en concertos benéficos. 

Moi crítica coa Igrexa católica e co mundo da música: en 1991 rexeitou un  Grammy porque se opoñía aos “valores materialistas falsos” do mundo do espectáculo e para protestar contra a guerra do Golfo. En 1992, durante unha actuación en Saturday Night rompeu unha foto do papa Juan Pablo II mentres cantaba a palabra “evil” (maldade); despois de romper a foto en anacos pronunciou a frase "loita contra o verdadeiro inimigo" e lanzou os pedazos cara á cámara, despois de cantar a capela War  de Bob Marley, para denunciar á Igrexa católica por abusos a menores. Foi unha valentía estremecedora. O alcance dos abusos aínda non saíra á luz e o seu xesto provocou un terremoto mediático, sendo abucheada numerosas veces para que se retirase de escenarios. Houbo queimas públicas dos seus discos, así como radios que se negaron a transmitir as súas cancións. Con todo, ela non se arrepentiu das súas accións. Tanto se foi aldraxada polos medios, coma se foi tachada de muller enfadada e enferma mental, as súas cancións mostran a súa valente e vulnerable franqueza, e a súa vontade de dicir a verdade polos demais.

Faleceu en 2023 por mor dunha forma grave de asma. A autora do documental sobre ela “Nothig Compares”, Kathryn Ferguson, dixo :

“Sinéad sempre estivo no lado correcto da historia, defendendo ás persoas maltratadas e acosadas. Moi poucos terían o valor de facer o que fixo. Toda unha xeración de músicos irlandeses adóraa a día de hoxe. No seu funeral participaron tres mil persoas, que acompañaron o féretro con música reggae que saía dun altofalante. Foi máxico. Había mulleres que sobreviviran a abusos e un grupo de migrantes que organizou unha garda de honra para ela correndo cos gastos. Recibiu unha despedida chea do amor e o respecto que merecía. 

16 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios