A Fundación López Abente nace ben escoltada
09:12 31/01/11
Gonzalo López Abente xa conta cunha Fundación que tratará de coidar o seu legado, ademais de protexer a cultura galega e fomentar a creación artística en Muxía e na Costa da Morte. Así quedou acordado na sesión do pasado sábado 29 de xaneiro de 2011, no acto de Constitución da Fundación López Abente, que se desenvolveu no salón de plenos do Concello de Muxía e no propio cemiterio.
O salón de plenos amosaba un estado rebosante, tanto polas numerosas personalidades que asistían como veciños interesados en coñecer de primeira man a intención desta nova aposta cultural.
Alí estiveron o alcalde muxián e presidente da comisión xestora da Fundación, Félix Porto, o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e os representantes das institucións que formarán parte do padroado da mesma: Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Francisco Díaz-Fierros, membro do Consello da Cultura Galega; Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago; José Mª Barja, reitor da Universidade da Coruña;Luis Eugenio González Tósar, presidente do Pen Galicia e Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Pero as presencias máis agardadas eran as dos escritores culpables de que a Fundación sexa unha realidade. A presencia de Miro Villar, que pechou a sesión no salón cun breve laudatio de López Abente; os irmáns Viki Rivadulla e X.H. Rivadulla Corcón (que foron os que asinaron o primeiro escrito dirixido ao alcalde), Manuel Vilar, Xan Fernández Carrera, ou Xesús Sambade, dá boa conta de que a Fundación nace con grandes padriños.
I é que ademais de boa xente que fará da fundación un auténtico foco de atención, nace tamén con bos apoios económicos. Aí estará pois a Deputación, que xa aprobou no pleno a integración da institución provincial no padrodo da Fundación.
Dentro dos estatutos da Fundación pénsase na creación dun Museo Literario, na promoción de estudos de investigación e divulgación da vida e obra de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Vitorino Abente Lago e outros escritores nados ou relacionados con Muxía; na organización de talleres literarios, cursos relacionados coa literatura, actividades culturais, congresos e seminarios, así como promover actividades e accións de ámbito literario e cultural que teñan como obxectivo a difusión e promoción do idioma galego.
Novas relacionadas
- A Fundación López Abente xa ten data de nacemento.
- 24-06-10: A Fundación López Abente segue en marcha co apoio de múltiples institucións e entidades .
- Muxía intenta recuperar a memoria de López Abente cunha Fundación.
- Muxía tamén quere ser "Vila Literaria".
- Aproveitando o turismo en verso.
Artigos relacionadas
- Cando ronca o vendabal: A esquecida memoria de López Abente.
- López Abente na Elección Histórica da Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Fotos de Torrecilla.