Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Cataluña si quere saborear Muxía

Cataluña si quere saborear Muxía
Difícil é ás veces cuantificar o rédito sacado destas Feiras de Turismo. E máis contando a descoordinación patente que amosamos na FITUR. Pero por Muxía xa poden apuntar cousas positivas. I é que o programa "Saboreando Galicia desde Muxía", presentado na FITUR pola Asociación de Turismo Rural de Muxía, foi seguido por unha importante empresa catalá, especializada na organización e coordinación de eventos corporativos e na xestión integral de servizos turísticos. A entidade púxose en contacto coa entidade para interesarse pola súa oferta. En concreto, a firma barcelonesa solicitou aos empresarios muxiáns varias opcións de orzamentos para incluír a súa oferta no programa dos grupos que periodicamente trae a Santiago de Compostela. A colaboración podería comezar en breve. Desde a asociación "Muxía Natural" cualifican de moi positiva a experiencia na feira madrileña, xa que na presentación, ademais de responsables de colectivos e cidadáns madrileños que visitan frecuentemente a Costa da Morte, participaron varios turoperadores e axencias de viaxes, cos que se iniciarán contactos comerciais. O que máis valoran os operadores turísticos da zona muxiá, é a ausencia de masificación, a natureza, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía. Cómpre facer fincapé nesa "ausencia de masificación, natureza e paisaxe", para que o desenvolvemento non nos arrase. Deste xeito, os empresarios do turismo rural muxián queren agradecer o apoio recibido de todas as entidades colaboradoras, en especial do Concello de Muxía, así como á actriz Teté Delgado que se brindou a amadriñar o proxecto. Queren destacar igualmente o éxito cultivado pola degustación de percebes do Cabo Touriñán, que se converteron nun auténtico reclamo da zona, xunto co porco celta. E en Muxía poñen precisamente o ollo de novo en Touriñán unha vez que a Xunta volveu amenazar coa piscifactoría.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios