Venres. 07.05.2021
El tiempo

Coñecendo as marabillas e as necesidades do CEIP Os Muíños

Son moitos os centros de ensino da comarca que serven de exemplo de boas prácticas. E precisamente porque son espellos onde se poden fixar outros homólogos, gústanos amosar o seu traballo, as súas experiencias. Pero todos necesitan apoio das administracións, a nivel local como autonómico, para desenvolver os seus proxectos educativos.

Hoxe coñecemos o labor do CEIP Os Muíños (Muxía) e do seu equipo directivo, que leva moito tempo sendo un exemplo de compromiso por unha educación integral cun proxect no que as familias, e o comedor, forman parte intrínseca.

Equipo Directivo do CEIP Os Muinos de Muxia
Francisco Lojo Santiago o responsable de calidade; Begoña Blanco Castro, a xefa de estudos, MªJosé Rey Benlloch a secretaria, e a directora Aurelia Mª Picallo Merlán forman o Equipo Directivo do CEIP Os Muíños
Coñecendo as marabillas e as necesidades do CEIP Os Muíños

Lidiando coa pandemia

Unha das primeiras cuestións máis visibles é a adaptación á situación sanitaria. Volvendo ao curso pasado, o equipo directivo recoñece que o paso á vida virtual foi costoso. “Traballamos moito máis, e sen horarios, pero aprendimos moitísimo”, explica a Directora Aurelia Picallo. “Tamén comprobamos as carencias da rede que tiñan moitos cativos do rural”, explica Paco Lojo.

Foron moitas as cousas que cambiaron no centro, dende o uso da Biblioteca (repártense días da semana por cursos), ata o uso do patio, dos columpios, ou ata o uso do bosque que ten o centro no interior.
En calquera caso, “os que mellor se adaptaron foron @s [email protected], aceptaron de marabillas as novas normas, son moi agradecidos”.

Patio do CEIP Os Muinos
O patio dividiuse por zonas e o bosque, ao final, non pode usarse polas restricións

Sistema de Mellora continuada

O centro ten un sistema de calidade dende 2008, tendo a certificación AENOR ratificada ano tras ano. Unha responsabilidade e un impulso que lles impide ficar parados, e que lles invita a seguir mellorando en diferentes áreas. “Temos un sistema no que imos comprobando as conformidades, por exemplo, un hipotético retraso na presentación do programa educativo por parte de todos os profes. Nese caso investigaríamos para propoñer unha solución. A día de hoxe, a única non conformidade que temos é a do mantemento, porque non chegamos ao 80% das resolucións, a porcentaxe estipulada como básica para pasar os cortes. A lista de cousas por solucionar é moi longa”, sinalan dende o equipo directivo.

Falla de mantemento

Necesidades do CEIP Os Muinos

Se ben a Consellería está respondendo ben ás demandas do centro (durante o verán axudaron a ampliar o comedor, e en apenas uns días acodiron a solventar unha importante fenda nunha das escaleiras), o centro bota de menos a colaboración do Concello. Dende a reunión entre goberno, ANPAS e centros celebrada o pasado mes de agosto, poucas son as atencións que recibe o centro, e moi longa é a lista de necesidades que cada 15 días actualiza a dirección.

Cousas tan básicas de mantemento como un eficaz servizo de limpeza (é unha empresa externa que non limpa os encerados, as ventás… regular organización para fregar aínda cos nenos no centro, non elimina as telas de araña…); fallos eléctricos provocados polas humidades non tratadas, pingueiras nos despachos; cisternas estropeadas dende hai meses, mesmo das aulas burbulla dos pequenos; falta de mantemento de xardinería…
Unha marea de asuntos que foron trasladadas á Inspección Educativa xa que lles impide ao centro cumprir co seu sistema interno de calidade.

 

O Comedor, un exemplo en toda Galicia

O Comedor km.0 da cociña propia dos Muíños, que coidan Sandra e Asunción, é un dos 4 de toda Gailcia co Selo Slowfood. Levan varios anos integrando a comida no programa educativo, porque “nun colexio todo, incluído o comedor, estamos para educar”, destaca Sandra.

O Comedor participa a II Campaña Come Local, que pon en valor o uso de produtos de proximidade e de temporada, na súa cociña. Participará nunha serie de sesións formativas e aesoramento ás responsables das cociñas desevoltos pola Axencia galega de Calidade Alimentaria para fomentar a "educación alimentari".
Aquí queda unha reportaxe feita o ano pasado:

 

Proxecto: O Camiño

Son varios os proxectos en marcha do centro. Este curso a temática principal é o Camiño de Santiago, e o alumnado realiza semanalmente un percorrido de 400 metros. Cada clase ten un “Camiño” (o Inglés, o Francés, o Fisterra-Muxía…), e entre todos van sumando kilometros para chegar á compostela. A base de vídeos, van colleitando información e ao final a idea é facer unha exposición sobre os diferentes camiños, virtualmente como se fixo o Festival de Nadal e o Entroido, cunha cantiga por cada grupo.

Camino de Santiago no CEIP Os Muinos

Outras iniciativas

A Biblioteca foi un bo exemplo da implicación, dos mestres e as familias durante o confinamento. Dende hai anos teñen un sistema de de apadriñamento, a través do cal un dos maiores coida dos pequenos (as grandes vantaxes da educación rural é precisamente aproveitar esa conxunción de idades) e lles fomenta a lectura. Durante o confinamento o sistema continuou funcionando e gracias á implicación das familias os padriños enviábanlle contos aos seus afillados a través das redes.

Non para de meterse en novas iniciativas ademais, a Biblioteca, e este ano forman parte do proxecto “Bibliotecas Creativas”. Así mesmo tamén entraron a formar parte da rede da Radio Escolar e teñen outro de Robótica. A día de hoxe tócalle aos mestres recibir formación en ambas “asignaturas” (xa fixeron un Obradoiro de radio financiado co premio gañado o ano pasado polo traballo da Biblioteca durante o confinamento) para despois irlle trasladando a experiencia á rapazada.

Ademais de formar parte de e-Dixgal para a implantación do libro dixital, o centro está probando o novo proxecto piloto con Snappet, un proxecto privado que ofrece un novo recurso didáctico máis para as aulas de 3º e 4º de Primaria, a través da cesión dunha tablet con contidos enfocados ás mates e linguas, con actividades de reforzo personalizadas. Un proxecto que requiriría un gasto de 50€ ao ano por cada neno, e que terían que financiar as familias no caso de que, tralo periodo de proba deste trimestre, a comunidade educativa o queira implantar.

 

Novas relacionadas

comentarios