A hostalería de Muxía une forzas para manterse como zona libre de covid
- Quedaron suspendidos todos os actos relixiosos e festivos da Romaría da Virxe da Barca
Este pasado venres a hostalería de Muxía reuníase co goberno municipal para afianzar a recta final da temporada de verán e conseguir manterse como zona #covidfree. A necesidade de reivindicarse como destino seguro, neste singular verán é fundamental, pero tamén o é dar un servizo de calidade e con extremas medidas de seguridade.
Por iso quixeron facer fincapé na necesidade de realizar labores continuas de desinfección periódica das terrazas (para o que se usará ademais a máquina nebulizadora adquirida polo Concello), o control da Policía Local do uso das máscaras,…
O Concello avanza que ademais vai iniciar unha campaña de promoción da hostalería, e vai realizar outra campaña de concienciación dirixida á veciñanza, ademais de anunciar ou aumento da frecuencia da recollida do lixo.
Protección Civil
Ramón Pérez, terceiro pola dereita, formará parte da directiva nacional de Protección Civil
O Parador de Muxía foi o escenario escollido para a toma de posesión de Arturo Fuente Pedrejón, xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Getafe, como presidente da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV). Xunto a el, na directiva haberá un muxián, Ramón Pérez (o presidente da entidade local), que será o tesoureiro.
A Barca suspendida
Xa coñecíamos que as festas Romaría da Barca ía ter que esperar a 2021, e finalmente non haberá nada, nin actos relixiosos e festivos da Romaría da Virxe da Barca. Así, non se celebrará o novenario nin os catro días da Barca (venres, sábado, domingo e luns) e tampouco se permitirá baixo ningún concepto a organización de eventos festivos paralelos.