Xoves. 30.05.2024
El tiempo

O IES de Muxía, na fase galega do desafío científico CanSat

Muxia en orbita Cansat
O IES de Muxía, na fase galega do desafío científico CanSat

Seguen medrando o equipo Muxía en órbita. O grupo de alumnas do IES Ramón Caamaño de Muxía continúa avanzando na súa investigación para participar no desafío do proxecto CanSat.

Este pasado martes participaron na fase de lanzamentos do proxecto CanSat, a primeira parte da fase galega deste concurso, que se celebrou club de aeromodelismo As Gaivotas, en Cerceda. As 6 corviñas de 4ºESO formaron un dos 23 grupos participantes, como únicas representantes da Costa da Morte neste certame.

Neste día, os equipos, con axuda de drons, deixaron caer os seus satélites dende unha altura de 150 m e durante o descenso o reto foi recibir por radio, unha vez por segundo, as diferentes medidas dos sensores que integraron. Para asegurar a recuperación do CanSat os equipos incorporaron sistemas de aterraxe, como paracaídas, para reducir a velocidade de descenso e evitar danos nos satélites ao impactar co chan.

O vindeiro venres, nunha segunda parte desta fase galega, terán que defender o seu proxecto na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nun pequeno congreso que servirá para elixir ao equipo gañador que representará a Galicia na fase nacional, en Málaga.

Dende o instituto de Muxía coméntannos ilusionadas que o lanzamento foi un éxito, conseguiron recoller os datos dos seus sensores e recuperar o satélite sen danos. Agora queda esperar á defensa do proxecto do venres, para o cal lles desexamos toda a sorte.
Estaremos pendentes ás novidades que vaian compartindo na súa conta de Instagram @cansat_muxia_.

Máis novas

Comentarios