Muxía arroupou a presentación da lista de Carlos Fdez. Concheiro á fronte do BNG

O pasado sábado 6 de maio o BNG de Muxía presentou a súa candidatura ante os numerosos veciños que enchían o Salón do Voluntariado.
Durante o acto, que contou coa presenza da eurodiputada Ana Miranda, proxectáronse varios vídeos coa interpretación do Alalá de Muxía dedicado “á xente linda de Muxía” pola cantante Uxía Senlle e coa entusiasta intervención do activista cultural Xurxo Souto.
Interviron no acto, presentado pola número 2 da lista, Mercé Barrientos, varios membros da candidatura como o percebeiro e número 5 da lista Toñico Haz Amigo, a técnica superior en control de calidade e número 4 Alba Pérez, finalizando as intervencións coa do candidato á alcaldía, Carlos Fdez. Concheiro.
No Salón do Voluntariado, decorado con xestas para este evento, houbo un ambiente festivo que rematou cos asistentes compartindo o serán no Cabo da Vila.