mércores. 12.02.2025
El tiempo

Muxía tamén reflexionou sobre o acoso escolar coa novela de Guadalupe Vázquez Formoso

Foto presentación Lupe en Muxía
Muxía tamén reflexionou sobre o acoso escolar coa novela de Guadalupe Vázquez Formoso

A reberta Biblioteca Pública Municipal Don Santiago Rey Fernández-Latorre de Muxía acolleu esta fin de semana un acto cheo de sentimento e compromiso social coa presentación da novela xuvenil Alicia no labirinto das sombras da mestra e escritora carnotá Guadalupe Vázquez Formoso. A obra, que aborda con sensibilidade e profundidade a problemática do acoso escolar, foi presentada nun evento no que tamén participaron o alcalde de Muxía, Javier Sar, e a concelleira de Cultura, Sandra Vilela.

Durante o acto, Guadalupe Vázquez Formoso achegou ao público a intención da súa obra, que narra a loita de Alicia, unha rapaza atrapada nunha espiral de medo e soidade causada polo acoso, pero que busca desesperadamente unha saída. “Esta novela é un berro de esperanza para quen sofre en silencio, pero tamén un chamado á sociedade a reaccionar ante o bullying, que segue sendo unha realidade moi presente nas nosas escolas,” explicou a autora.

O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou a importancia de visibilizar temas como este a través da cultura. Pola súa banda, Sandra Vilela sinalou o impacto que obras como esta poden ter nas novas xeracións.

O evento contou con asistencia de estudantes, pais, nais e docentes. O momento máis emocionante chegou cando Guadalupe Vázquez Formoso leu un fragmento da obra no que a protagonista expresa a súa sensación de afogo, atrapada no “labirinto das sombras” do que parece imposible escapar.

Alicia no labirinto das Sombras é unha chamada á reflexión e unha ferramenta educativa para combater unha das problemáticas máis complexas no ámbito xuvenil. Ao remate do acto, varios asistentes achegáronse á autora para agradecerlle a valentía de abordar un tema tan sensible e felicitala por unha obra que promete ser un referente na loita contra o acoso escolar. “Non hai labirinto que non teña unha saída. O importante é non deixarmos de buscar a luz que nos guíe, e esa luz podemos atopala xuntos", concluíu a autora.

Máis novas

Comentarios