Os hostaleiros de Muxía reciben un marzo completo de formación e asesoramento
Seguen "camiñando cara o mar" os hostaleiros de Muxía. O proxecto “Muxía, Camiñando cara o Mar” está nestas datas a pleno rendemento, no que destacan as accións formativas e máis as de asesoramento. Un proxecto que pon en marcha unha serie de accions formativas aos hostaleiros para mellorar a atención turística, unha das necesidades claras da zona ante a falta dunha escola de hostelería.
Os responsables do proxecto xa teñen realizado unha acción formativa sobre a colocación, atención e comanda dunha mesa de restaurante e outro curso sobre a presenza na rede das empresas do sector, na que se analizaron individualizadamente as diferentes empresas que acudiron a dito curso.
E quedan por realizar as seguintes accións, todas elas en horario de 17.00h a 20.00h:
- Día 4: Optimización de Menús (canto me custa, canto vale). Na Biblioteca Municipal.
- Día 6: Coñecemento e uso de algas a cargo da empresa Portomuiños. En Casa Ceferinos.
- Día 11: Barista / coctelería. En Café Bar O Xardín.
- Día 13: Xestión dun negocio turístico. Na Biblioteca Municipal.
- Día 14: Actores complementarios, dirixido a comercios da vila. Na Biblioteca Municipal.
- Día 18: Km0, o peixe que pescamos o peixe que servimos, a cargo do Restaurante Abastos 2.0. No restaurante A de Loló.
- Día 20: Manipulación de productos do mar, cortes e preparacións. En Casa Ceferinos.
- Día 25: Rexeduría de pisos. Sen confirmar o lugar.
Asesorando
Paralelamente a estas accións formativas estanse a levar a cabo accións de asesoramento individualizado para as empresas participantes no proxecto. Tamén se están realizando as gravacións dos audiovisuais de promoción, o deseño dos diferentes materiais de divulgación, así como un punto de información turística autoxestionable e unha acción de posta en valor do faro Touriñán, entre outras.
Segundo o previsto no plan de acción, moitas destas accións estarán rematadas antes da vindeira Semana Santa, co cal o traballo que se está facendo durante estas datas na vila é moi intenso.
Novas relacionadas
- 07-02-13: O Concello de Muxía achégase aos empresarios para camiñar xuntos cara o mar.
- Xaneiro 2013: Muxía xa camiña cara o mar cunha nova marca turística.
- Marzo 2012, presentación do Proxecto: Muxía xa camiña ao solpor cara o mar dende Touriñán.
- Muxía garda o seu Patrimonio Cultural Inmaterial no Proxecto Buserana.
- Os Hosteleiros de Santiago promoverán o Camiño a Fisterra e Muxía.