venres. 06.12.2024
El tiempo

Pablo San José: "Eu son un mozo transexual e vou á miña aldea como pode ir o meu primo, que tamén é un rapaz"

Pablo San José: "Eu son un mozo transexual e vou á miña aldea como pode ir o meu primo, que tamén é un rapaz"
  Pablo San José en Muxía Pablo San José Toba (A Coruña, 2001) é un dos poucos menores en España que puido cambiar o seu nome no DNI. De feito, foi o primeiro menor transexual en Galicia que conseguiu cambiar a súa identidade. Un proceso que non foi nada doado para Pablo e a súa familia, e no que tiveron que esperar arredor de seis meses para obter os primeiros papeis. “Non é lóxico a cantidade de documentos que tes que presentar, xa que hai casos (que non foi o meu) nos que mesmo che piden un informe dun psiquiatra ou dun forense”, explica o menor, quen engade que algúns destes trámites deberían ser totalmente evitables: “Penso que coa miña palabra tiña que ser suficiente. O único que conseguen con tanto proceso é facerche sentir que estás enfermo”, di Pablo, quen garda un vínculo especial coa Costa da Morte, en concreto Muxía, onde residen os seus avós e a onde regresa sempre que pode. Pablo tivo claro quen era desde ben cativo, a partires dos tres anos, idade na que buscaba a mínima escusa ou xogo para sentirse coma un rapaz. “Miña nai recorda coma sempre que iamos de compras eu escapaba para a sección de neno”, explica. Así, foi cando cumpriu os 12 anos cando este mozo cortou o pelo e decidiu contarlle ao seu entorno máis próximo que era transexual, unha situación que conseguiu normalizar aos poucos. “Desde que o dixen ir á Muxía era todo un show, mesmo eu evitei ir un tempo para non ter que dar explicacións. Pero si é certo que unha vez que o normalizas e ti actúas con normalidade, a situación cambia. Eu son un mozo transexual e vou á miña aldea como pode ir o meu primo, que tamén é un rapaz”. Axuda familiar Pablo xunto a súa nai, Rosa Toba Se durante a etapa adolescente, a persoa transexual non conta co apoio do seu entorno para entender que poida haber unha contradición entre o sexo que lle asignaron ao nacer e a súa identidade sexual, pode verse atrapado nunha situación que o leve a unha depresión ou a querer quitarse a vida. No caso de Pablo, contou en todo momento coa apoio dos seus pais e, tamén, da familia, aínda que a axuda por parte desta última foi máis complicada. “Ningún familiar me deixou de falar por contalo, pero ao non vivir todos comigo o proceso non chegan a saber ao 100% como é a situación”. Ademais do apoio familiar, o entorno educativo tamén é fundamental para o seu desenvolvemento. Neste sentido, Pablo tivo que abandonar o seu primeiro centro escolar, onde soportou todo tipo de comentarios ofensivos como “lesbiana, bollera ou marimacho”. “Sentín tantas risas, que a día de hoxe me fan graza, pero que no momento me pareceron moi inxustas porque eu non tiña porque permitir que se me insultase por se un mozo transexual”, conta.
A miña vida é miña, e son eu o que decido como quero vivila
Asociación Arelas A día de hoxe, Pablo está feliz e aconsella confiar sempre nun mesmo. “Hai que ser consciente de que a xente é mala, se non te critican por ser transexual vano facer por outra cousa. Eu creo que cada un debe elixir a súa vida e pensar que ninguén lle pare os pés. Eu son así, e é o que hai. A miña vida é miña, e son eu o que decido como quero vivila. E toda persoa me ten que respectar”, explica tallante. Así mesmo, anima a non calar a todos os rapaces e rapazas que se atopen nunha situación semellante á que el viviu. “Que saiban que non están sós, que hai asociacións como Arelas onde nos apoiamos e axudamos entre todos”. Así, Pablo pertence á Asociación Arelas, entidade creada no ano 2015 para velar polos dereitos dos menores transexuais en Galicia. "Temos un grupo de Whatsapp no que comentamos a diario e compartimos cousas, como outro grupo de amigos normais".

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/cambiaria-moito-a-cousa-que-a-xente-fose-saindo-do-armario/

Comentarios