Venres. 30.10.2020
El tiempo

Os percebeiros de Muxía cazan un furtivo en plena faena

Furtivo cazado en Muxía
Furtivo cazado en Muxía
Os percebeiros de Muxía cazan un furtivo en plena faena

Segue sendo o furtivismo un os grandes inimigos cos que se atopan tanto a natureza como os nosos profesionais do mar. Así o sofren os os percebeiros de Muxía, que seguen escoltando a súa costa contra a ameaza dos furtivos, con quendas de vixilancia que completan o curto horario laboral do único vixilante co que conta a confraría.

Este pasado mediodía de luns, unha familia que paseaba pola zona de Arliña, enviaba un aviso aos percebeiros de que había un movemento estrano nas augas, cun mergullador que non tiña boia de sinalización.

De contado marcharon para alí varios percebeiros de Agrupación, e o vixilante, que constataron que había un mergullador na zona da Langosteira, que está vedada todo o ano, e só se traballa por Nadal e Semana Santa. Unha zona da que viven moitas familias.

O mergullador, que estaba faenando sen boia de sinalización, pero con bombona e ata un torpedo de propulsión para chegar ás pedras máis inaccesibles, saíu do mar, e segundo contan os percebeiros, “tirou o bolso cos percebes ao mar”.

O vixilante pediulle a identificación, pero tras chamar á Garda Civil, antes de que o puidesen reter, o mergullador botouse de novo ao mar e foi en dirección a Lourido. Varias horas despois aparecía facendo footing, asegurando que simplemente estaba facendo deporte ollando o fondo mariño.

Dende o pósito quedan abraiados coa preparación deste percebeiro, que sinalan que é da zona de Gondomar, e que xa ten antecedentes na zona, pois xa o “cazaran” hai 4-5 anos en Muxía, e cren que tamén foi visto en Camelle nalgunha ocasión. “eu levo 25 anos andando aos percebes e nunca vira unha cousa así”, recoñece Toñico Haz, da Agrupación. “Ultimamente os furtivos se están profesionalizando demasiado”, apunta, sinalando ademais que “cremos que o home coñece o terreo, e que debe ter apoio en terra”, polo feito de terse marchado a nado e volto a pé e cambiado.

A Garda Civil incautou o torpedo, a bombona (cuberta de cinta negra, e ben usada), as mochilas, reguladores, plomos… que tiña no vehículo, e procederá a investigar a situación trala denuncia da Agrupación e do Vixilante.

Torpedo incautado en Muxia a un percebeiro furtivo
Torpedo de propulsión incautado a un furtivo en Muxía

Vixilancia, compromiso e asociacionismo

Todo un exemplo de colaboración é a vixilancia voluntaria que practican os profesionais da Agrupación, se ben debería ser a conta da Xunta. Porque a situación sempre xenera situacións incómodas no seu dun grupo de profesionais que deberían dedicar a súa actividade á mera extraccion. “Non podemos estar os mesmos 10-15 de sempre implicándose e metendo a cara polo resto da Asociación, porque desto dependemos os 70 percebeiros que traballando na agrupación”, sinala Toñico facendo un chamamento a que todos os profesionais se involucren na vixilancia mentres a Xunta non cumpla o seu cometido con eficacia.

Ademais, consideraría moi positivo que se fixera unha fronte común, polo menos na Costa da Morte. “Agora que vai volver o tema da mexilla, sería bo facermos unha Asociación de Percebeiros da Costa da Morte para protestar de xeito conxunto”, propón.

 

Novas sobre percebeiros

comentarios