Martes. 19.03.2024
El tiempo

As confrarías trasladáronlle o seu malestar á Conselleira por situarse do lado dos bateeiros

Percebeiros de Muxia en plena faena
Percebeiros de Muxía en plena faena-Foto-Bela Muxía
As confrarías trasladáronlle o seu malestar á Conselleira por situarse do lado dos bateeiros

Este pasado venres 29 de maio era un día importante para as Confrarías de Galicia. Representantes de todos os pósitos con profesionais do marisqueo mantiveron unha reunión en Santiago coas Federacións de Confrarías provincias e a autonómica. Unha cita na que “apareceu” a Conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Da comarca participaron varios patróns maiores (Camelle, Corme, Laxe…) como Víctor Haz, percebeiro e vicepatrón da Confraría de Muxía. A intención da reunión era presentar un mapeo confraría a confraría para ver se a Consellería modificaba a proposta realizada a comezos de semana e que xa calificaron os pósitos de “ridícula”, unha vez que só exclúe da extracción da mexilla uns 50 dos case 1.700 da costa atlántica galega.

De feito, os representantes dos percebeir@s tiñan vontade de chegar a un acordo, e mesmo chegaron a ofrecer colaboración para indicar aos extractores de mexilla as zonas onde poden collela sen danar o percebe.

Pero a realidade era que “o peixe xa estaba vendido”. A Conselleira deixou claro que a proposta é practicamente definitiva, que os bateeiros van ter “si ou si” tamén o mes de xuño para extraer mexilla en toda Galicia, agás eses 50 km de costa protexida (na Costa da Morte só hai unha zona na Barca e outra no Roncudo).

”Todo o mundo lle manifestou o seu malestar á Conselleira, porque consideramos que se posiciona demasiado do lado dos bateeiros, porque a proposta non lle solucionada nada a Camelle, Laxe, Caión… A nós si porque fixemos un pouco de barullo, é inxusto, e noutros lados estarán pensando que hai que facer barullo para que os escoiten”, valorar.

A realidade é que os bateeiros teñen absolutamente liberdade para ir onde queiran, cantos queiran e extraer cantos quilos de mexilla queiran en toda Galicia. “Eles terán que defender o seu, e é normal que cando tes todo a “libre albedrío”, se me sacas un pouquiño xa me doe”, explica Haz.

”Grupos reducidos?” - “Teñen liberdade”

O propio Haz propuxo que os bateeiros viñesen este mes en grupos reducidos para evitar confrontamentos, pero a Conselleira plegouse ao “eles teñen permiso a ir onde queiran”. Unha situación comprometida, como lle espetou un patrón maior do sur do país en representación dos seus 150 percebeiros. ”Se volven aparecer 50 coches no porto como pasou en Muxía, non podo responder pola miña xente”.

En clave de futuro

Deste xeito, parece que as negociacións só van servir en vistas do ano que vén. A Federación de Confrarías vai presentar un escrito, amosando as inquietudes dos pósitos, facendo unha serie de propostas, entre as que cómpre destacar a ampliación das zonas de exclusión, pero nas que tamén deberían caber un certo control (de peso e biolóxico) de extracción da especie, e mesmo que os percebeiros poidan ser extractores durante os meses que teñen vedado o percebe.

”Nós seguiremos pelexando porque somos 70 familias que viven do percebe en Muxía, ademais das de Camelle, Malpica, Corme, Laxe, Caión… “

Reunión

Os percebeiros muxiáns valoran o interese e a vontade do seu alcalde Iago Toba que a pasada mañá mesmo mantivo unha reunión coa propia Conselleira da que aseguraba “saír moi contento e esperanzado”.

”A verdade é que nós como estamos curtidos en mil batallas, e sabemos que prometen agora e dentro de dous días nin se acordan”, lamenta Haz.

Novas relacionadas

Comentarios