Venres. 19.04.2024
El tiempo

EMPRENDER NA COSTA DA MORTE

Pilar Trillo: "Foi unha sorte coñecer a outros emprendedores na mesma situación e poñer en común os nosos proxectos"

foto Pilar Trillo vertical
Pilar Trillo: "Foi unha sorte coñecer a outros emprendedores na mesma situación e poñer en común os nosos proxectos"

Pilar Trillo Sánchez (Muxía, 1993) é unha dos 23 emprendedores da cuarta edición do Coworking Costa da Morte. Así, Pilar é a encargada de sacar adiante Casa de Trillo, un negocio familiar que está en activo desde hai 16 anos. "O ano pasado desgraciadamente meu pai faleceu. Nese momento era el o que estaba o frente da casa, polo que a min tocábame decidir entre seguir no meu traballo ou ser ousada como o foran meus pais e poñerme a fronte do negocio familiar", conta. Falamos con ela do seu negocio e da axuda que lle proporcionaron desde o Coworking para emprender.

  • QPC: En que consiste a Casa de Trillo?

Casa de Trillo é un espazo para evadirse e olvidarse dos problemas do día a día. Trátase dunha casa de turismo rural situada no centro da Costa da morte, concretamente en Santa Mariña, unha aldea de Muxía. En realidade é un complexo rural que tamén comprende dous apartamentos, campo de minigolf, barbacoa, parque infantil, un amplo xardín e unha ruta de sendeirismo que rodea a aldea.

Os nosos clientes buscan relaxarse, coñecer a nosa zona, facer rutas de sendeirismo e demais actividades. Para iso, ofrecémoslle todas as comodidades comezando polo momento de reserva, a atención na chegada explicando os lugares de interese turístico e actividades da zona e a calidade no servizo e nos productos tanto na limpeza de habitacións como nos almorzos e ceas.

  • QPC: Que zona abarca?

Desde Casa de Trillo pode visitarse toda a Costa da Morte e contamos con clientes de case todas as partes do mundo.

Casa de Trillo panoramica

  • QPC: Que profesión tiñas antes? Como xorde a idea?

Casa de Trillo abriu as portas hai case 16 anos. Fundárona meus pais, Jesús Trillo e Rosa Sánchez, con moita ilusión por poñer en valor o patrimonio familiar e a verdade e que a súa ousadía dou bo fruto. Eu comecei estudando dereito na Universidade da Coruña, pero o que sempre me apasionou era o Turismo, por iso ao rematar a carreira decidín non seguir o camiño convencional e facer un Máster en Turismo na Universidade de Santiago de Compostela.

Tiven a sorte de facer as prácticas do máster no Parador-Hostal dos reis Católicos de Santiago e formarme con profesionais da talla de Julio Castro Marcote, actual director. Posteriormente entrei a traballar en Paradores no programa de formación Alevín para dirección.

O ano pasado meu pai faleceu. Nese momento era el o que estaba o frente da casa, polo que a min tocábame decidir entre seguir no meu traballo ou ser ousada como o foran meus pais e poñerme a fronte do negocio familiar. Emprender no rural é moi duro, nin sequera temos servizos básicos como traída de auga, saneamento ou teléfono por cable, pero tamén ofrece outras vantaxes que fai que pague a pena.

  • QPC: Que significou o proceso formativo no Coworking de Cabana?

O Coworking de Cabana para min significou un impulso moi importante para Casa de Trillo. Por unha banda, o acompañamento da nosa coordinadora Noelia, tamén da tutora que no meu caso foi Fátima e , por outra banda, foi unha sorte coñecer a tanta xente emprendedora que se encontraba na mesma situación ca min e poñer en común os nosos proxectos.

  • QPC: Que aprendestes concretamente? No teu caso, cal foi a maior axuda?

A maior axuda foi darme conta de que Casa de Trillo ten moitas posibilidades de crecemento en diferentes ámbitos. Un exemplo é ofrecer un espazo co que xa contamos para reunións de empresas ou mellorar a experiencia do cliente creando unha actividade a partir dunha ruta de sendeirismo xa existente que sae da nosa casa e recorre a aldea a través do bosque autóctono da zona e con visita a capela de Santa Mariña ou o antigo muiño.

  • QPC: Os coworkings son espazos onde se fomenta a interactuación, colaboración e asesoramento entre diferentes perfís profesionais. No teu caso, creaches algún tipo de amizade ou colaboración profesional?

Sí, a verdade e que creamos un vínculo entre todos por encontrarnos na mesma situación e démonos de conta das posibles sinerxias que podemos ter.

  • QPC: Como foi a acollida?

A acollida dentro do Coworking foi moi boa. Noelia, a coordinadora, os tutores e todos os expertos que nos viñeron dar as sesións fixeron que nos sentísemos moi acollidos, arroupados e cómodos. Unha vez terminou o Coworking, aprendemos as técnicas e adquirimos os coñecementos necesarios para sacar adiante os nosos negocios. Ademais, este espazo brindounos un trampolín para promocionarnos.

  • QPC: Que plans de futuro te plantexas. Quedar na Costa da Morte ou emigrar?

Quero quedar na terra na que nacín, penso que somos moi afortunados de poder vivir na Costa da Morte e se tivéramos acceso aos servizos básicos (non falo de fibra óptica senón de servizos básicos) seria moito máis sinxelo emprender e que a xente nova non emigrase as cidades ou a outros países. Isto non quita que non queira seguir formándome e viaxar para aprender como fan as cousas noutros países e mellorar o nivel de idiomas estranxeiros.

  • QPC: Recomendarías a outras persoas dar o paso a emprender e formarse nun coworking?

Sen ningunha dúbida recomendo formarse nun Coworking. Os expertos que dan as sesións son moi cercanos e profesionais, e ademais sempre se conta co apoio do coordinador e do tutor que nos acompañan en todo o proceso. Pero o mellor é coñecer a outras persoas que se atopan na mesma situación ca nós e compartir as nosas impresións.

Comentarios