A rapazada escolar será a encargada de prender o Nadal muxián
O Concello de Muxía presenta tamén a programación que se estenderá do 13 de decembro ao 6 de xaneiro. O
O acendido das luces de Nadal terá lugar o 13 de decembro. Os nenos e nenas dos colexios locais serán os encargados de prender as luces que iluminarán as rúas da vila, nun acto que rematará cun espectáculo de fogos de artificio para encher a noite de cor e alegría. Ademais, o espectáculo de acrobacias e malabares de “Circo Aventura”, animará a tarde desde as 19:00 horas, xunto cunha chocolatada para todos os asistentes.
A programación continuará o 20 de decembro coa inauguración do Mercado de Nadal no Salón do Voluntariado. Este espazo estará aberto ao público os días 21, 22, 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ofrecendo unha ampla variedade de produtos de artesanía e doces de Nadal xunto con outras propostas para completar estas datas tan especiais. Este será o primeiro ano no que se levará a cabo esta actividade que ademais incluirá tamén de xeito pioneiro a realización de obradoiros para os máis cativos e cativas.
Tamén o 20 de decembro, o veciño máis sobranceiro de Laponia, Papá Noel, visitará ao alumnado do CEIP dos Muíños, do CEIP Virxe da Barca, do CEIP de Vilarmide - Eduardo Noya e da Escola Infantil Muxía.
O 21 de decembro farase unha visita á pista de xeo de Vimianzo con saída ás 10:30 horas desde a parada de bus de Muxía. Está dirixido a mozos e mozas de 6 a 13 anos e as inscricións realizaranse no ximnasio municipal en horario de mañá. O custo da actividade correrá a cargo dos asistentes.
Un dos momentos máis agardados terá lugar o 23 de decembro, cando Papá Noel recibirá aos nenos na súa casa, situada xunto ao Bar O Xardín, a partir das 18.00 horas.
Ademais, o 24 de decembro, Teatro Calavera presentará a obra infantil “Festa de Nadal na Fraga”, unha proposta pensada para entreter e ilusionar aos máis pequenos.
Gala e Festa
O Salón do Voluntariado será tamén o escenario de dous eventos destacados: a Gala de Nadal, desde as 20:00 horas do 28 de decembro, que contará coa participación das Abaladeiras de Muxía e a Coral Polifónica Virxe da Barca, e o espectáculo máxico de Cayetano Lledó, ás 18:00 horas do 4 de xaneiro.
Para despedir o ano, o Polideportivo Municipal acollerá a Festa de Fin de Ano, organizada pola comisión de festas de San Isidro de Quintáns, a partir das 1:30 h, cunha animada sesión a cargo de DJ Mouzo e fogos de artificio.
Cabalgata
Xa en 2025, o día 5 de xaneiro, a tradicional Cabalgata de Reis percorrerá as aldeas da contorna, culminando en Muxía, onde os Reis Magos recibirán ás familias na Sala da Camposa. Este encontro contará tamén con fogos de artificio para poñer o broche de ouro a unha xornada máxica.
Obradoiros de conciliación
Os máis pequenos terán á súa disposición numerosas actividades ao longo destas semanas, como os obradoiros “Concilia Nadal” dirixidos a nenos de 3 a 12 anos, que se celebrarán os días 26, 27, 28, 29 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. O prazo de inscrición será do 5 ao 16 de decembro nas instalacións do CIM. Ademais, tamén se realizarán Obradoiros de Nadal, de 11:00 a 13:00 horas na Sala da Camposa, os días 21, 22, 28 e 29 de decembro.
Outros programas de Nadal