Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Unha viaxe polos Coucieiro: Desde Muxía a Santa Marta de Penaguião ao pé do Douro

Coucieiros
Unha viaxe polos Coucieiro: Desde Muxía a Santa Marta de Penaguião ao pé do Douro

Propoño unha viaxe toponímica agora que aínda non podemos saír da casa. Imos ir a todos os Coucieiro que coñezo e, penso, deben ser todos os que existen. Viaxaremos por Galicia e iremos até Portugal da man dun mesmo topónimo, pois a toponimia tamén é un patrimonio que temos para o desenvolvemento dunha identidade e que fai posible articular pasado, presente e futuro.

Comezaremos por aclarar a escolla e algo sobre este topónimo. A escolla é fácil. Nacín e pasei unha parte da miña vida na parroquia de San Pedro de Coucieiro e síntome parte desa comunidade: son de Coucieiro, aínda que agora a miña primeira residencia non estea aí.

A parroquia, un xeito de habitar milenario, debido á perda de vitalidade demográfica e a cambios na economía e sociedade global, está a perder a importancia social que tivo historicamente e, a menor vitalidade (menos xente e máis envellecida), menor vitalidade social (desmotivación, falta de liderado, desinterese polo comunitario, desleixo político) e menos peso á hora de construír relatos vitais e cosmovisións. Agora, as relacións constrúense noutros espazos e noutras dimensións. Mais, pese a este devalo, aínda teñen presenza ao nivel de debuxar identidades e relacións sociais e, en Portugal, como funcionan como división administrativas, teñen personalidade xurídica e unha xunta de freguesía electa polos veciños, o seu papel social semella algo máis forte que entre nós, onde a política centralista non quixo recoñecer as parroquias como entidades peculiares.

O topónimo Coucieiro

Explicar o topónimo xa é outra cousa. Non son filólogo, nin os meus coñecementos filolóxicos son suficientes como para entrar a opinar nun campo que non é da miña especialidade. Así que só direi aquí o que outros estudosos da toponimia dixeron ao respecto deste topónimo, que non é moito, nin as opinións son coincidentes. Como noutros moitos casos a etimoloxía dun topónimo non está clara. Non é este un topónimo transparente.

Unha das persoas con autoridade neste terreo é Gonzalo Navaza. Na súa tese de doutoramento di que este nome, probablemente, proceda do latín *CALCEARIU ou dun derivado romance a partir de couce, seguramente cun significado botánico ou relativo a labores agrícolas. Unha variante é Concieiro. Da mesma opinión é Paulo Martínez Lema. A este respecto, outra voz autorizada, a de don Elixio Rivas, di que nalgúns lugares esta palabra ten o significado de “cañoto da verza”.

Imos a Portugal, onde están os outros Coucieiro e Concieiro. No Dicionario Onomástico Etimológico da Lingua Portuguesa, de J. Pedro Machado (2003), dinos que Coucieiro, como Couceiro, é un derivado de Cousso, se ben que menos regular. E Cousso, do latin *CAUSUM, couto, lugar ou terreo “imune ou defeso”, acoutado. Para Cabeza Quiles, Couso pode derivar de *CAPSUS, caixa, polo que faría referencia a un terreo afundido.

Almeida Fernandes, en Toponímia portuguesa: Exame a um dicionário (1999), e falando do topónimo Couceiro, inclúe a forma Coucieiro, que relaciona con Concela (nome dun lugar do concello de Marco de Canavese), que refire a un accidente topográfico, probablemente unha depresión. Coucieiro sería unha variante de Concieiro, topónimo este que tería unha relación etimolóxica con “concha”, que sería usado metaforicamente para designar un accidente de terreo. Coicieira tamén é unha caste de uva tinta do Douro, como Coucieira é apelido, tamén en Portugal.

Temos así o topónimo Coucieiro e a variante Concieiro, que atopamos en Galicia e norte de Portugal, e sempre ao norte do río Douro. En Galicia nomea catro entidades de poboación ou lugares e a tres parroquias, un total de sete veces. En Muxía e Paderne de Allariz nomea a un lugar e á parroquia. En Padrenda e no Irixo só é nome de lugar, mentres que no Val do Dubra éo da parroquia.

Igrexa parroquial de San Vicente de Coucieiro-Paderne de Allariz
Igrexa parroquial de San Vicente de Coucieiro, en Paderne de Allariz

No caso de San Vicente de Coucieiro de Paderne de Allariz, un lugar desta parroquia, A Lamela, pertence ao concello de Baños de Molgas. No Nomenclátor de Galicia aparece a parroquia nos dous concellos. Pero cando nos achegamos a esta localidade, coñecida polas augas termais e o santuario dos Milagres do Monte Medo, e preguntamos primeiro a un voluntario de Protección Civil e despois a un home xa maior, non coñecían ningún Coucieiro (está a uns 8 km de distancia).

En Portugal nomea a unha freguesía e tres lugares, dous deles coa variante Concieiro. Ademais, existe como topónimo menor, desde unhas rochas en Tal (Muros), a un camiño no Val do Dubra ou unha rúa en Soajo, “Caminho de Concieiro” e outra, que nós saibamos, en Chacim, pequena localidade de Macedo de Cavaleiros.

Entrada a Coucieiro. Vila Verde-Portugal
Entrada a Coucieiro. Vila Verde-Portugal

Podíamos dicir que todos estes lugares teñen algo en común, un algo que non ten que ver co compartir o topónimo, cal é a pouca xente que neles habitan. A excepción é o Coucieiro de Vila Verde, na marxe dereita do río Homem, onde si vimos vida, xente polos camiños e a taberna moi concorrida un domingo ao mediodía. Aquí danse diversas actividades produtivas, máis alá da agricultura, de feito, estamos na terra dos lenços dos namorados.

No escudo da freguesía un sapo e unha tesoira, en referencia a unha lenda sobre o asasinato do señor feudal que cobraba o dereito de pernada ou dereito da primeira noite. A igrexa, de orixe románica mais moi modificada no século XIX, ten diante unha ampla explanada con árbores e unha fonte, todo moi coidado.

Unha fisionomía distinta mostra o Concieiro de Santa Marta de Penaguião. Estamos ao carón do Douro, nunha zona amplamente transformada polo ser humano coa expansión do viñedo. O poboamento xa non é espallado, está agrupado. As casas, moi modestas, agás unha e que se sitúa algo fóra do núcleo, amoréanse ao longo dunha rúa estreita no alto dun outeiro, como unha pequena illa caleada totalmente rodeada por vides. Un pequeno “tasco”, unha capela, dous nenos a brincar e tres vellos de conversa á porta da casa. O Coucieiro de Ponte da Barca é un lugar dunhas cinco casas con uveiras trepando polos paus para facer viño verde.

O lugar de Coucieiro-Padrenda
O lugar de Coucieiro, Padrenda

O lugar de Coucieiro, de Padrenda, ten tamén o problema do avellentamento. Xa próximo a Ponte Barxas, na raia con Portugal, está nunha xeografía montañosa, costenta, leiras pequenas, as casas agrupadas e divididas en dous núcleos, unha capeliña baixo a advocación de Santo Antonio, os restos dun pazo e un peto de ánimas e unha cruz. Unha capeliña, haina en Coucieiro (O Irixo) cunha imaxe de Santiago Peregrino sobre a espadana e un adro ou nártex cuberto, mais a capela non está baixo esta advocación. No Val do Dubra a igrexa parroquial está case solitaria sobre un outeiro, onde un cruceiro e un vello carballo dominan un campo no que o alcatrán substituíu a verde herba. A reitoral caendo.

Como entidade de poboación Como parroquia Parroquia Concello
Coucieiro Coucieiro (S. Pedro) Coucieiro (S. Pedro) Muxía
Coucieiro Corneda (Santiago) O Irixo
Coucieiro Coucieiro (S. Vicente) Coucieiro (S. Vicente) Paderne de Allariz
Coucieiro Padrenda (S. Cibrán) Padrenda
Coucieiro (S. Martiño) Coucieiro (S. Martiño) Val do Dubra
Couciero (S. João Baptista) Couciero (S. João Baptista) Vila Verde
Coucieiro Crasto (S. Martinho) Ponte da Barca
Coucieiro Prozelo (Sta. Marinha) Arcos de Valdevez
Concieiro Sever (Sto. Adrião) Santa Marta de Penaguião

 

Placa de rúa no lugar de Coucieiro. San Martinho de Crasto. Ponte da Barca
Placa de rúa no lugar de Coucieiro. San Martinho de Crasto. Ponte da Barca

  • Manuel Vilar ÁlvarezLicenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor profesional desenvólvese no campo da antropoloxía e patrimonio, comisariando exposicións, como a que se realizou en 2012 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) con motivo do terceiro centenario do arquitecto Domingos Antonio de Andrade. Autor de diferentes publicacións sobre estes temas, así como sobre A Costa da Morte e o camiño de Santiago, especialmente o de Fisterra e Muxía

 

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES

 

Comentarios