Sábado. 21.09.2024
El tiempo

Máis alegacións contra a estación de bombeo da Ruña

Máis alegacións contra a estación de bombeo da Ruña

Continúa dando que falar o proxecto da estación de bombeo reversible do Monte da Ruña, impulsado pola empresa checa Feroe Ventures&Investments, que comprou a XEAL, e que busca aumentar o volume de enerxía hidroeléctrica que produce. 

E desta vez foron a recén creada Plataforma “Vendaval Costa da Morte” mais a Plataforma “Salvemos a Ruña” que realizaron o pasado domingo, e con moito éxito de convocatoria, unha reunión que tivo lugar na Casa da Escola, no lugar da Curra en Mazaricos. Estaba convocada toda a veciñanza afectada por este proxecto e que afecta aos lugares de Figueira, Curra, Xinzo, Cabanude, Nuveira, Arcos, Enxilde, Xián, A Granda, Furiño, Ribeiratorta, entre outros. E a resposta foi moi boa.

Os dous grupos ecoloxistas detectaron que unha boa parte dos veciños non está ben informada sobre o proxecto, e aínda así unha boa parte dos asistentes asinaron as alegacións e unha gran parte levounas para as súas casas para compartilas coa familia.

Ademais de informar a veciñanza das consecuencias negativas deste proxecto, comentaron que as 2 plataformas estarán estas próximas semanas en todas as feiras da contorna para informar e recoller máis alegacións. O prazo remata o 12 de setembro.

Os grupos ecoloxistas convidaron os alcaldes e as alcaldesas dos 5 municipios que conforman a Mancomunidade de Fisterra (Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía e Dumbría) e tamén aos dos concellos de Carnota e Muros para un encontro e explicarlles o que sucederá no Monte da Ruña, as consecuencias sobre o territorio e como afectará ao

abastecemento de augas.

Comentarios