Primeiras respostas ao sometimento á exposición pública da estación de bombeo da Ruña
O proxecto da estación de bombeo reversible do Monte da Ruña xa é unha realidade. Acaba de ser sometido á exposición pública por Augas de Galicia o pasado 31 de xullo e publicado no DOG o 14 de agosto, un paso para facer un encoro nun dos montes máis simbólicos e máis salvaxe da comarca.
Trátase dun proxecto impulsado pola empresa checa Feroe Ventures&Investments, que comprou a XEAL, que busca aumentar o volume de enerxía hidroeléctrica que produce. Unha central hidroeléctrica reversible, lembran “meramente economicista”, que segundo denuncian, “intentan camuflar como enerxía renovable, pero que en realidade se basea en bombear auga dende abaixo cando está barata a enerxía, e lanzala cara abaixo para xerar a mesma enerxía que consumiches ao subila, pero en horas punta, cando está máis cara”.
Dende a Plataforma Salvemos a Ruña e a Plataforma Vendaval lamentan que se intente convertir “zona de carácter fabril” unha “zona de acuíferos, zona lobeira, de cabalos salvaxes… de fauna e flora singular”. Alertan de que se trata dun “proceso irreversible”.
Tamén grupo de Espazo Común Mazaricos quere manifestar a súa “preocupación” polo proxecto. O grupo dirixido polo ex socialista Francisco Javier Trillo, asegura estar “sempre do lado dos proxectos que melloren as condicións de vida dos veciños e veciñas”, pero “rexeitamos de xeito contundente calquera intento de expolio por parte de fondos buitres que pretendan levarse os recursos sen ofrecer nada a cambio”.
Lembra que a Ruña “alberga un glaciar rochoso de milleiros de anos, un tesouro natural incalculable que podería desaparecer para sempre”.
Outro especialista en materia de nartureza, Francisco Santiago López, lamenta o proxecto: “Os Montes da Ruña, en Mazaricos, son un tesouro natural único en Galicia. Este glaciar rochoso, fogar dunha biodiversidade rica e complexa, alberga mananciais cristalinos e unha fauna salvaxe que sobreviviu en equilibrio durante séculos. Dende as súas cumes, as vistas son simplemente as máis fermosas de toda Galicia, un recordatorio da maxestosidade e da pureza do noso entorno”.
”Permitir que estes proxectos avancen é un acto de irresponsabilidade que non só empobrecerá o noso patrimonio natural, senón que tamén hipotecará o futuro das próximas xeracións”, critica, considerando que “apreservación dos Montes da Ruña é un deber moral e ecolóxico que non podemos ignorar”.
NOVAS RELACIONADAS
- Xa na rede o documental sobre a riqueza natural da Ruña.
- O debate sobre extractivismo de Corcubión reflexionou sobre o impacto no turismo e no agro
- Fins Eirexas sobre a estación de bombeo da Ruña: “Hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto”.
- 12-09-22: Mazaricos infórmase sobre o impacto da estación de bombeo na Ruña.
- 04-09-22: A veciñanza mazaricá berra baixo a tormenta “A Ruña é nosa”.
- Agosto 22: Máis apoios para que a “Plataforma Salvemos A Ruña” poida parar o proxecto da estación de bombeo.
- Agosto 22: A Plataforma "Salvemos A Ruña" nace con apoios.
- Agosto 22: O PSOE pregunta no Parlamento pola estación de bombeo da Ruña.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.
- Marzo 22: XEAL pretende construír unha estación de bombeo no monte da Ruña.