Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Dumbría, Carballo Vimianzo e A Laracha preparan as súas Carreiras

Presentacion Legua Irmandinha Asalto Castelo Vimiazo 2024
Presentación da Legua Irmandiña no Castelo de Vimianzo
Dumbría, Carballo Vimianzo e A Laracha preparan as súas Carreiras

Chega o verán e con el numerosas citas deportivas, como son as carreiras de Dumbría, A Laracha, Carballo e Vimianzo. Imos repasando:

25 de maio en Dumbría

Este domingo 25 de maio arrincará ás 17:30h dende o Conco a VIII Carreira Pedestre Concello de Dumbría, enmarcada no Circuito Correndo pola Costa da Morte. Son máis de 800 as persoas inscritas (rematou onte o prazo) para esta proba máis que arraigada en toda a provincia.

Carreira Vagner Dumbria 2024 copia

2 de xuño en Carballo

presentacion_Carreira 10K Carballo 2024

Carballo acollerá o domingo 2 de xuño a 12ª edición da 10K, un evento deportivo multitudinario que este ano volve contar con dúas carreiras homologadas de 10 e 5 quilómetros, esta última incluída no Campionato de Galicia de 5K.
Manuel Varela Bardanca, técnico de deportes do Concello, destacou que, malia a coincidencia con outras carreiras importantes, a 10K Carballo está plenamente consolidada como un evento de referencia autonómica, e proba dilo é que o número de inscricións achégase xa ao milleiro. Especialmente relevante é a participación nas categorías menores, desde biberón ata sub 18, que superan as 600 inscricións.

O prazo de inscrición na 10k Carballo está aberto ata o 29 de maio e pode realizarse en carreirasgalegas.com.

10k Carballo 2024_extra copia

29 de xuño en Vimianzo

O Clube Deportivo Terra de Soneira, a Asociación Cherinkas e o Concello de Vimianzo presentaron onte a oitava edición da VIII Legua Irmandiña, anunciando que abren o prazo de inscrición para anotarse. A carreira celebrarase o sábado 29 de xuño a partir das 21h00 para as distintas categorías dende pitufos até a absoluta. A “Legua Irmandiña” desta última categoría, contará cun novo percorrido de 5 quilómetros aproximadamente e seguirá tendo a súa mítica meta sobre a antiga ponte levadiza do castelo.

Como explicou Vanesa Caamaño, do Terra de Soneira C.D, “ademais da fermosa chegada ao Castelo, o percorrido novo repetirase os vindeiros anos”, xa que se pretende establecer un tempo récord de referencia para as próximas edicións.

As categorías infantís poden inscribirse gratuitamente, mentres que na categoría absoluta haberá un cota de 5€. As inscrición faranse a través da páxina www.cronotec.es e a data limite para facelo é o 24 de xuño as 23h59.

Cartel_Legua_Irmandina-Vimianzo 2024

13 de xullo na Laracha

2024.05.21.- Presentación VII Carreira do Apóstolo

A sétima edición da Carreira Popular do Apóstolo da Laracha vaise celebrar o sábado 13 de xullo, consolidándose como unha das citas deportivas de referencia durante o verán no termo municipal da Laracha. A organización é a cargo da asociación Adro de Vilaño en estreita colaboración co Concello.

Como datos de interese, avanzouse que a VII Carreira do Apóstolo vai formar parte do IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. A proba raíña será a 10k absoluta que comezará ás 19:00 h, mesmo horario de inicio da 5k xuvenil. Antes haberá probas con percorridos adaptados para as categorías benxamín e alevín (17:50 h), infantís e cadetes (18:10 h) e pitufos (18:45 h). A última saída será a da andaina ás 19:05 h.

As inscricións abriranse o día 1 de xuño e poderán formalizarse ata o 10 de xullo en liña na web carreirasgalegas.com ou tamén presencialmente no Concello, complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. O obxectivo é achegarse aos mil participantes.

A VII Carreira do Apóstolo é só un dos eventos que organiza Adro de Vilaño ao longo do ano. Tamén neste verán teñen programado o Vilaño Fest para o 20 de xullo coa presenza de DJ’s galegos e nacionais de referencia e as festas patronais en torno ao día do Santiago Apóstolo do 24 ao 27 de xullo con algunhas das máis destacadas orquestras da verbena galega.

Carreira Vilaño

Comentarios