O Gran Fondo Ézaro volve converter a Costa da Morte no epicentro do ciclismo estatal
- Guillermo García Janeiro e Sandra Alonso foron os vencedores na meta do Mirador do Ézaro
O ciclismo popular volveu a disfrutar do seu gran día no Ézaro. Cunha participación superior á das últimas edicións (máis de 600 ciclistas), os amantes da bicicleta déronse cita ao pé da fervenza para completar un percorrido, que salvo no tramo neutralizado ata Muros, non deu tregua aos participantes.
A ruta, despois de pasar por Carnota e Muros, subíu dende Esteiro cara o Arestiño pola costa do Maio, a mesma da Baixada das Carrilanas. Adentrouse en Mazaricos por Paxareiras para posteriormente comezar a baixada por Arcos cara Noveira, pasando polo Fieiro e baixando ata Cee por Raso-brens, para volver cara o temido Alto do Ézaro.
IMPACTO
Unha cifra demostra perfectamente o impacto das probas ciclistas no turismo da zona, dando a razón a esa aposta do Concello de Dumbría de traer eventos de alto nivel deportivo como foco de atracción turística. En 2012, antes do paso de La Vuelta polo Mirador, a Oficina de Turismo do Ézaro recibía 2.000 visitas nun verán. O verán pasado foron 200.000 as persoas que pasaron pola mesma oficina…
Os gañadores e gañadoras
Guillermo García Janeiro, ciclista pontevedrés enrolado nas filas do equipo luso Sabgal-Anicolor Cycling Team e Sandra Alonso, do Ceratizit-WNT Pro Cycling, foron os mellores na cima do Ézaro logo dunha xornada de temperaturas suaves e con continuos tobogáns.
Na categoría masculina, Guillermo García Janeiro foi un dos protagonistas dunha fuga con cinco integrantes. O pontevedrés aproveitou as súas boas pernas para lanzar un ataque e chegar en solitario a pé de porto, onde marcou un ritmo constante para ser o primeiro en chegar á liña de meta. No podio estaría acompañado por Juan Vidal (Lasal Cociñas-Craega-Louriña) e Daniel García (CDM Xesteiras).
Na categoría femenina Sandra Alonso amosou un bo estado de forma mentres prepara a súa participación no Tour de Francia. Aventaxou en máis de 13 minutos á máis inmediata perseguidora, Mónica Alarcón (Lasal Cociñas-Craega-Louriña). Completaría o podio Iria Nieto (Ciclismo Oiense).
Houbo grandes fitos como a chegada dunha bici adaptada ou a participación de moitos amantes ás dúas rodas da Costa da Morte, que conseguiron superar o reto do Muro de Formigón.
A nota negativa da xornada foi a enfermidade de Alejandro Valverde. O excampión do mundo, afectado por un virus, viuse obrigado a poñer pé a terra ao seu paso pola saída, xusto antes de comenzar a ascensión ao Mirador do Ézaro.
MÁIS NOVAS
-
2023: José Carlos Trillo disputoulle o Gran Fondo Ézaro a todo un Samuel Sánchez
-
2023: Gran Fondo Ezequiel
-
2022: O Gran Fondo Ézaro volveu visibilizar o Muro e o tesouro natural da Costa da Morte
-
2021: O pelotón do Gran Fondo Ézaro vertebrou a Costa da Morte
-
2018: O Muro do #GranFondoÉzaro continúa aumentando a súa lenda
-
36 Ézaros = 1 Everest
-
2020: O paso de La Vuelta pola Costa da Morte
-
2016: La Vuelta volveu subir o Formigón do Ézaro e deixar a súa pegada na Costa da Morte