Mércores. 24.04.2024
El tiempo

TraballarnaCosta: “A xente da Costa da Morte precisa un espazo onde informase das ofertas desta zona”

TraballarnaCosta: “A xente da Costa da Morte precisa un espazo onde informase das ofertas desta zona”
Traballar na Costa o Infojobs da Costa da Morte

Se queres buscar emprego na Costa da Morte, se es un dos 7.000-8.000 desempregados da bisbarra non vaias a Infojobs. Preme o “Gústame” do Facebook “Traballo e Formación na Costa da Morte”, sen dúbida a páxina máis activa de toda a rede costeira.

Xa son 8 anos, dende aló polo 2011, cando a crise comezaba a facer estragos por toda España, e, como non, na Costa da Morte, Óscar Rodríguez e Karina Mouzo puñan en marcha un pioneiro blog. traballarnacosta.blogspot.com está paralizado por falta tempo (este é un proxecto de compromiso coa bisbarra pois Óscar é deseñador gráfico en 1pixel.es e Karina é orientadora laboral en Aspadex teñen as súas dedicacións. Pero o Facebook si que o coidan, e tanto que son case 11.000 as persoas que a seguen.

”Moitas empresas pechaban, moita xente que se quedaba na rúa, que non sabía onde buscar traballo,... Neste contexto, vendo ó noso redor que esta necesidade non estaba resolta por ningún organismo público, decidimos poñer en marcha o blog Traballarnacosta”, explícanos Karina. “Dende o comezo foi un proxecto moi gratificante, xa que íamos vendo como as visitas aumentaban día tras día e mes tras mes e o Facebook medraba a un ritmo vertixinoso. Todo iso reforzaba a nosa idea de que isto era necesario, de que a xente da Costa da Morte precisaba dun espazo onde informase das ofertas desta zona”.

Bo para o desempregado. Bo para as empresas. Bo para os Concellos

A cousa funciona tan ben que é unha mágoa que non se convirta nun auténtico referente e se consiga monetizar, porque é bo para parados, pero tamén para empresas e para Concellos.

”De xeito paralelo as empresas empezaron a coñecer a páxina, e a compartir con nós as súas ofertas para poder atopar persoal. Decatámonos da doble finalidade da páxina, non só era necesario para as persoas que buscaban emprego, senon tamén para moitas empresas, que non sabían cómo facer chegar as súas ofertas á xente da zona”.

”É un pouco triste pensar que este tipo de traballos os teña que facer alguén de xeito voluntario”

Ademais, os servizos de emprego municipais comezaban xa a informar aos demandantes que buscasen no blog ou no Fb, porque alí se comparten moitas ofertas. “É moi gratificante saber que estamos facendo esta labor, aínda que tamén é un pouco triste pensar que este tipo de traballos os teña que facer alguén de xeito voluntario, pois pensamos que o dereito ó emprego é algo fundamental e crucial na vida de moitas personas, algo que debería "tomarse máis en serio" dende os distintos organismos públicos, tanto a nivel local como comarcal (e por suposto autonómico e estatal)”, lamenta.

Pero prefiren quedar coas “cousas positivas, pois ultimamente e cada vez máis empezamos a ver que dende distintos concellos están difundindo por medio das súas webs ou axencias de emprego distintas ofertas (que logo nós tamén compartimos na nosa páxina), que chegan dun xeito moi directo ós veciños desa localidade”.

Máis de 7 anos de ofertas

A verdade é que cando empezamos non contábamos con que 7 anos despois a páxina seguira funcionando, e ademáis con tantos seguidores e tanta interacción”, sinala orgullosa Karina. “Pode que dende fora non se vexa o traballo necesario para ter a páxina activa, pero é necesario estar pendente cada día das ofertas (consultando distintas páxinas tanto de Facebook como de distintos organismos públicos e privados), respostar ás mensaxes privadas, intentar estar ó día nos comentarios que van xurdindo nas distintas publicacións,...) A veces non podemos estar a todo, porque dedicar esa hora diaria a maioría das veces non é posible, e quizáis non damos todas as respostas que deberíamos, compartimos as ofertas demasiado tarde, non estamos ó día en todas as ofertas que nos gustaría, non respostamos ás mensaxes privadas coa axilidade necesaria…

Karina non pode deixar de nomear á gran colaboradora do proxecto: Isabel Quintáns Cambeiro, “que nos está botando unha man (tamén de xeito totalmente voluntario) para axudarnos a difundir máis ofertas, respostar ás mensaxes privadas, comentarios... Aproveitamos para darlle as gracias polo bo traballo que está facendo!”

O mellor e o peor

”Ó longo destes 7 anos fomos pasando por distintas etapas, pero sobretodo fomos pasando por moitas experiencias, tanto positivas como negativas. O peor é máis complexo de levar a páxina é principalmente a dificultade de ter a páxina sempre actualizada, de facer chegar todas as ofertas, despois outras dificultades que nos atopamos é a comodidade ou descoñecemento dalgunha xente, que espera que lle des todo feito, en moitos casos é necesario rexistrarse nalgunha páxina, ou chamar ó INEM, enviar o curriculum a un enderezo electrónico... e algunha xente nin entra nos enlaces, pon a pregunta en comentarios "quiero este trabajo" ou "este es mi número, llamadme", entendemos que algunha xente pode ter dúbidas e intentamos respondelas, pero a veces resulta frustrante, que esté claro o procedemento a seguir (enviar un mail, facer unha chamada,...) e aínda así esperan que lles simplifiquemos o proceso. Ademáis en moitos casos non é posible, porque non temos máis información que a que compartimos”.

”Pero bueno, o certo é que a maioría das experiencias que temos na páxina son moi positivas, nesta andanza atopámonos con moitas empresas e persoas que atoparon traballo grazas á páxina e iso é o máis gratificante, xente que colabora de xeito desinteresado compartindo ofertas, empresas que nos piden axuda para buscar traballadores/as... Tamén moitos comentarios positivos, moita xente que axuda a amigos e/ou compañeiros etiquetando o seu nome cando unha oferta lles pode interesar. Xente que abre a nosa páxina coa esperanza de atopar esa oferta que necesita, empresas que confían en nós para atopar xente cualificada sen ter que buscar fora da zona…”

Analizando o tipo de ofertas do mercado da Costa da Morte

Facendo un pouco de análise de número e tipo de ofertas, cóntanos o seguinte:

Máis ofertas

”Dende que empezamos no 2011, cada vez atopámonos con máis ofertas, se ven é certo que aquí inflúen varios factores, non só aumento real de postos de traballo: a xente (empresas e concellos) difunden máis as súas necesidaes de persoal polas redes que fai 7 anos, máis xente coñece a páxina e nos fai chegar as súas ofertas, existen máis páxinas similares á nosa…”

Os sectores máis habituais

”Hai empregos como o de camareiro/a ou cociñeiro/a especialmente en temporadas vacacionais, que non se cubren por falta de persoal (aquí habería que analizar por que non se cubren e tomar algún tipo de medida... pero iso da para outro capítulo).”

”A atención á dependencia está precisando cada vez máis persoal cualificado (coidadores/as de persoas maiores)”.

”Está empezando a haber algunha oferta relacionada co sector da construcción: albaneis, electricistas... Ata agora non había.”

”Aumentaron as ofertas formativas: hai máis cursos na zona que fai 7 anos, principalmente a formación subvencionada polo servizo público de emprego, obradoiros de emprego e similiares.”

”Outro dato interesante é que a maioría de empresas prefiren que lles envien os curriculums por mail e a partir de aí facer a selección. Moitas non queren dar o nome da empresa para evitar chamadas e visitas, prefiren seleccionar a partir do curriculum e poñerse despois eles en contacto cos perfís que realmente lles interesan.

Ollando ao futuro con optimismo

Karina non desbota que este proxecto siga medrando e mira con optimismo ao futuro. ”O que nos gustaría de cara ó futuro sería retomar o blogue, facerlle un "lavado de cara" e darlle máis relevancia, posto que sería un mellor xeito de ter todas as ofertas e poder buscalas (o facebook é inmediato pero despois é difícil buscar por postos, concellos...), poder dedicar máis tempo para que ningunha demanda nos quedara atrás, que máis empresas confiaran en nós para difundir as súas ofertas, facer estadísticas de tipo de emprego, sectores que están solicitando persoal, tipo de cualificacións máis solicitadas na Costa da Morte, requisitos das empresas, recursos para persoas que están buscando emprego... Estamos agora en medio dun proxecto máis amplo, onde traballanacosta terá un oco importante, pero xa vos iremos contando, porque de momento aínda estamos buscando contar con algún tipo de financiación que nos permita dedicar a este proxecto todo o tempo e recursos necesarios para que funcione o mellor posible, e seguir medrando como nestes últimos 7 anos, ofrecendo un servizo necesario para a nosa terra, loitando para que non teñamos que marcharnos de aquí para ter un traballo digno”.

Outras iniciativas

Hai outras iniciativas na Costa da Morte que tamén axudan a buscar traballo a través das redes. O Servizo de Orientación Laboral compartido entre os Concellos de Laxe e Zas envían, a través do servizo de alertas de whastapp laxeiro, unha marea de ofertas de emprego. Fai o mesmo o Concello de Santa Comba, co seu servizo informativo a través do whastapp.

Novas relacionadas

Comentarios