8M O colectivo Feminismo en Pé volve convocar a súa manifestación
Mantendo vivo o traballo social de mobilización destes anos, o colectivo Feminismo en Pé volve convocar a manifestación en Ponteceso polo 8M, Día da Muller Traballadora. A cita deste venres partirá ás 20:00h desde o IES Eduardo Pondal e percorrerán as rúas da vila pondaliana ata a Praza do Recheo de Ponteceso, invitando a participar a toda a sociedade e toas as organizacións e colectivos sociais da contorna.
"Este 8 de marzo xuntaremonos na nosa vila para berrar que o feminismo, malia a persecución e terxiversación maliciosa de quen pretende aterralo, segue vivo", sinalan no comunicado. "Xuntaremonos porque non nos deixamos enganar polos logros acadados e non esquecemos todo o que queda por facer para acadar unha vida digna e libre para as mulleres, porque sabemos que NON SEREMOS MULLERES LIBRES MENTRES SIGA HABENDO MULLERES SOMETIDAS".