90.000€ para a mellora das fachadas da Escola Infantil de Ponteceso
07:54 09/03/26
Vai rascando por aquí e por alá o alcalde de Ponteceso, Consellería a Consellería, para traer investimentos autonómicos para a vila. Esta pasada semana conseguía que a Xunta de Galicia invista algo máis de 88.800 euros en obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Ponteceso.
As obras, que contratará o concello e que tamén as executará durante os meses de verán, aproveitando que a escola non ten actividade, centraranse nas fachadas do inmoble, e teñen como obxectivo mellorar as condicións térmicas e de illamento do mesmo. Ademais, instalarase un novo toldo exterior no centro.
Perfecto Rodríguez explicou que con esta actuación se complementan unhas melloras xa iniciadas no 2024 co recubrimento dunha das fachadas da escola, e nas que se investiron 21.000 euros.