A Copa Galicia de Baloncesto Adaptado chega a Ponteceso da man de Íntegro



O pavillón municipal de Ponteceso acollerá o vindeiro día 15 a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado, organizada pola asociación Íntegro en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) e subvencionada pola Consellería de Política Social, a Deputación da Coruña e o Concello de Ponteceso. Será unha xornada deportiva de alto nivel deseñada para gozar cos cinco sentidos e meterse ao público no peto. Competición, deporte, diversión e moitas sorpresas serán os protagonistas dun evento co que se pretende dar a coñecer esta modalidade e poñer en valor o deporte inclusivo na sociedade.
O espectáculo e o bo xogo estarán asegurados coa participación de destacados equipos da Liga Galega de Baloncesto FGDA e da Liga de BSR (Baloncesto en Cadeira de Rodas). A competición dividirase en dúas categorías: cadeira de rodas e competición intelectuais, esta última dirixida a deportistas con discapacidade intelectual que participarán en sección masculina e feminina. Horarios
Íntegro no I Encontro Olímpico A Creba 2016
Ademais, Íntegro non para. Un grupo de usuarios e usuarias de Íntegro viaxará este xoves ata a localidade de Noia para participar no I Encontro Olímpico A Creba 2016, que organiza a Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Trátase dunha xornada deportiva e de convivencia á que asistirán numerosas entidades sociais da provincia de A Coruña coa finalidade de dar visibilidade ao deporte adaptado e fomentar a súa práctica entre as persoas con diversidade funcional.
Para a edición deste ano, os nosos usuarios/as levan varias semanas ensaiando as diferentes probas a realizar nas modalidades de salto, atletismo e tiro. O acto de apertura, que terá lugar no pavillón municipal de Noia ás 10:30 horas, dará comezo cun desfile inaugural no que cada entidade participará portando a súa bandeira oficial e que, no noso caso, foi elaborada por nós mesmos/as. De seguido, comezará unha competición que se prevé difícil e moi concorrida na que os/as nosos/as representantes tentarán facerse con algunha medalla e deixar o pavillón o máis alto posible. Ao longo da mañá a asociación Íntegro terá que medirse ante os equipos de Adismisbur, Amicos, Ambar, Misela e A Creba.
Fonte
- Íntegro.