Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Costa da Morte tamén chora a perda de Isaac Díaz Pardo

A Costa da Morte tamén chora a perda de Isaac Díaz Pardo

Xa pasou case que unha semana dende o falecemento deste histórico do noso país. Pero toda Galicia segue chorando a súa perda e a Costa da Morte non é unha excepción. O propio Daniel Cerqueiro, Xerente da empresa Galinus Taller de Novos Medios, aseguraba nunha entrevista que Díaz Pardo era o espello no que todos os emprendendores galegos nos deberiamos mirar.

Tamén o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, quixo "manifestar publicamente as súas condolencias polo falecemento do ilustre galeguista". Quixo recuperar a súa presenza nun acto organizado no ano 1996, en defensa da memoria histórica no castelo de Vimianzo. Este foi un dos primeiros actos da memoria histórica que se celebrou na Costa da Morte en lembranza dos membros da corporación municipal asasinada no 36 e Isaac Díaz Pardo quixo estar en Vimianzo acompañando aos familiares dos homenaxeados.

Isaac nas terras de Pondal

Pero unha das zonas onde máis de preto coñeceron ao finado foi o Concello de Ponteceso. Así a Fundación Eduardo Pondal e a Asociación Cultural Monte Branco quixeron expresar estes días as súas condolencias polo pasamento do "escritor e galeguista, con quen ambos colectivos mantiveron estreita relación ó longo de varias décadas".

Lembran que Díaz Pardo participou en varias actividades das Letras Galegas de Monte Branco como, por exemplo, na inauguración do monolito pondaliano do adro da igrexa de Cospindo, na presentación da biografía Pondal. Do dandysmo á loucura de Manuel Ferreiro, así como nos actos de homenaxe ó tamén escritor Xosé Neira Vilas. Máis en concreto, Isaac Díaz Pardo foi fundamental intermediario para que Xosé Neira Vilas aceptase a ser homenaxeado por Monte Branco. A reunión na que Neira Vilas aceptou esta homenaxe tivo lugar no Centro Galego de Información no que daquela estaba residindo, xunto coa súa dona Anisia Miranda, tras regresar a Galicia desde a illa de Cuba.

Ademais, Isaac Díaz Pardo foi entrevistado polo grupo de investigación de Titania S.A. cando se elaborou hai un par de anos o documental sobre esta mina de Valarés.

No tocante a homenaxes, Díaz Pardo foi galardoado co busto dos Bos e Xenerosos que entregou o presidente da Fundación, José Luís Fondo Aguiar, no seu enderezo familiar.

A última vinculación de Díaz Pardo coa Fundación Eduardo Pondal foi o convite, que tivo que rexeitar, a participar nos actos do XXX Aniversario do Monólito Pondaliano de Ponteceso, obra da súa autoría. A man dereita podemos ver a carta manuscrita, dirixida ó presidente da Fundación, na que agradece o convite e nos indica os motivos polos que non estaría presente no acto.

Anden atentos, que os facebook de Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal realizaron enlaces con noticias que falaban do óbito de Díaz Pardo así como ó vídeo de Titania S.A. no que aparece entrevistado o falecido.

Deixámosvos con este vídeo homenaxe que Bocixa e Galicia Confidencial lle fan a Isaac Díaz Pardo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios