Venres. 26.04.2024
El tiempo

As ANPAS animan ás familias a non mandar aos seus nenos ás novas Reválidas

As ANPAS animan ás familias a non mandar aos seus nenos ás novas Reválidas
Alfonso Varela, responsable da CIG-Ensino da bisbarra, informou as familias do CEIP Eduardo Pondal sobre a Revalida Alfonso Varela, responsable da CIG-Ensino da bisbarra, informou as familias do CEIP Eduardo Pondal sobre a Revalida Os pasados días 11, 12 e 13 de maio as familias galegas que teñen fillos e fillas en sexto de primaria decidiron masivamente que non fosen á escola eses días para non ter que facer as probas de avaliación, o que coñecemos como reválidas de 6º. No Ensino Público, calculamos ao redor dun 80% o número de familias de toda Galicia que tomaron esa decisión. Na Federación de ANPAS da Costa da Morte superaron esa marca, a non asistencia estivo ao redor do 85 – 90% e houbo moitos centros onde non asistiu ningunha nena e neno eses días a clase, pero os casos de non asistencia de máis do 80 % son xa a tónica xeral desas xornadas en toda Galiza. Non foi así, en centros como o CEIP Eduardo Pondal de Ponteces, onde a maioría dos rapaces si que acodiron ás probas. Por iso, a ANPA organizou unha charla informativa sobre as reválidas impartida por Alfonso Varela - responsable da CIG-Ensino de Bergantiños-Costa da Morte para que os pais e nais estean ben informados e decidan por si mesmos se mandan ou non aos seus ás novas reválidas de 3º de Primaria, os días 24 e 25 de maio. De igual xeito, a Federación de ANPAS da Costa da Morte e as ANPAS Galegas queren mandar unha carta a todas as familias:

Temos por diante unha nova convocatoria de reválidas para os nenos e nenas de terceiro de primaria, os vosos fillos e fillas; a Administración pretende avalialos de competencias lingüísticas en galego e castelán, e de competencias matemáticas, queren examinalos nun día do que levan todo o ano formándose e sendo avaliados de forma continua. A razón pola que as nenas e nenos das familias de sexto non acudiron masivamente ao colexio eses días foi porque non querían ser etiquetados, non querían ter unha marca que dixera o que ese neno ou nena fixo eses días, non querían que levaran ese condicionante para o futuro; o que as familias queren é que esa información veña da man do que poida dicir a titora ou titor do neno, a persoa que os coñece e sabe valoralos na súa integridade, non o que poidan dicir uns exames feitos sen coñecer aos nenos e nenas, e pensados para outorgarlles unha marca, coma se os nenos puidesen ser marcados. As familias de sexto viron con moita claridade que esta pelexa é un esforzo a longo prazo, xa non é tanto que protestemos para que non se faga o exame que afecta aos nosos fillos e fillas, senón que queremos evitar que continúen incorporándose barreiras dentro do ensino obrigatorio; non só dicimos que non queremos reválidas en terceiro ou en sexto, dicimos xa que non as imos tolerar na ESO nin no bacharelato, porque esas si que poden romper a vida académica dos nosos fillos e fillas. Protestamos no presente para evitar males no futuro, dicimos agora o que non queremos que ocorra despois, poñemos os cementos do que debera ser un Ensino Obrigatorio inclusivo, no que caiban todos e non se bote fóra a ninguén, traballamos aos oito anos para cando sexan nenos de once, quince ou dezasete, como facemos todos os días, mirando cara ao futuro. As familias de sexto marcaron o camiño, fondo e ben marcado, continuemos na súa mesma liña e teremos moito gañado contra os que queren clasificar aos nosos fillos e fillas. Non mandades aos vosos nenos e nenas ao colexio os días 24 e 25 de maio, é polo seu ben, polo seu futuro; e aproveitade para vir á concentración que faremos o día 24 na porta da Consellería de Educación, ás once da mañá, para esixir que non lles fagan ningún outro exame inútil aos nosos fillos e fillas.   Novas relacionadas

Novas relacionadas sobre a Reválida

Fonte

Comentarios