Ponteceso convoca un Concurso de Debuxos de Castelao para alumnado de primaria e secundaria

A Área de Biblioteca do Concello de Ponteceso conmemora o 70º aniversario do pasamento dun dos galegos máis ilustres organizando o Concurso de Debuxos de Castelao, un certame dirixido tanto a alumnado de primaria coma de secundaria. Segundo explica a concelleira de Educación, Formación, Biblioteca e Patrimonio, Maite Chouciño, os nenos e nenas elaborarán os seus debuxos individuais e entregaranllos aos seus profesores antes do día 29, data fixada para a súa recollida.
Ao día seguinte, o 30 de xaneiro, daranse a coñecer os gañadores en cada unha das dúas categorías establecidas nun acto público que se celebrará na Biblioteca Municipal de Ponteceso a partir das 18.00 horas.
A Área de Biblioteca establece tres premios para cada categoría:
- 1º premio: cheque de 100 euros
- 2º premio: cheque de 50 euros
- 3º premio: cheque de 25 euros
Os cheques serán canxeables por material nas librerías de Ponteceso.
Ademais da entrega de premios, para o acto do día 30 está prevista a actuación musical do grupo infantil AJA.