Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Asi foi o necesario debate para recuperar a paz en Ponteceso

Debate QPC en Ponteceso-Foto-Alberto Pose
Foto-Alberto Pose
Asi foi o necesario debate para recuperar a paz en Ponteceso

Completou o diario Quepasanacosta a terna de debates públicos e abertos á veciñanza. E fíxémolo nun feudo onde é tan necesario conversar, compartir ideas, tecer pontes… despois de anos nos que a vida municipal tense convertido no sainete político de toda unha provincia.

Unhas 100 persoas acodiron á ágora creada na Casa dos Veciños do Couto, gracias á sempre magnífica colaboración da Asociación Monte Branco, para escoitar as propostas, e tamén as críticas, d@s 4 valentes candidat@s que se prestaron a este evidente (ou non tanto) exercicio democrático de dar a cara ante os veciño@s.

Temos que agradecer a disposición dende o primeiro momento de José Manuel Mato (PP), José Manuel Pose Verdes (APIN-Espazo Común), Fátima Rodríguez (BNG) e Juan Vidal (Partido Galego), grandes protagonistas dunha sesión que tivo o como antagonista unha figura ausente.

Porque a falta do actual alcalde e candidato do PSOE; Lois Carballido, foi asumida polos candidatos presentes como unha auténtica “falta de respecto á veciñanza e de talante democrático” (como dixo o candidato de APIN), como unha “necesidade de non dar cara, ou como demostración dunha clara fraxilidade masculina” (segundo definíu a voceira do BNG), como a demostración da “auto defenestración do rey Midas”, que apuntou a voz do Partido Galego, pedindo que “olvidemos o personaxe e pasemos páxina”.

Curiosa a falta do candidato Roberto Andrade (Adiante por Ponteceso), que condicionou a súa participación á presenza do alcalde, e acabou contraprogramando o evento cun mitin nunha parroquia. Cómpre dicir tamén que Óscar de Souto (UCIN) rexeitou participar en calquera debate político ou mitin.

En calquera caso, bo ambiente entre os candidatos (só salpicado por unha saída de ton de Vidal provocada por un malentendido con Pose Verdes) fai dar esperanzas do que pode chegar a ser esta lexislatura.

Crispación

Precisamente o primeiro bloque, e non por casualidade, do debate, xirou en torno á crispación municipal, e en que poden facer os partidos por normalizar a vida política municipal.
Un ordenado, pausado e calmado Mato falou do seu “proxecto en positivo”, de saber “escoitar” aludindo ao seu papel empresarial como “mediador”, e puxo como principal obxectivo desta lexislatura “ter paz”, máis que “ter razón”.
Pose Verdes propón algo tan sinxelo como “non mentir”, en alusión á “vergonza” que ten pasado no pleno co seu alcalde, e deixou clara unha necesidade para chegar acordos, que debería ser evidente: “falarse cas persoas”.
Fátima Rod., cargada de emotividade, agradeceu poder sacar o foco mediático que conseguiu Carballido nestes anos pagando a prensa (foi continuas as alusións dos candidatos aos caros contratos do alcalde con La Voz de Galicia “que tantos cattos lle costan aos nosos veciños”), e pediu “acabar cos personalismos e recuperar o diálogo. Fixo tamén referencia á importancia de cada voto, pois na pasada lexislatura o BNG non tivo representación plenaria por 1 só voto.
Pola súa parte, Juan Vidal, o máis crú durante todo o debate, criticou os problemas para reservar os locais municipais, e acusou ao actual alcalde de “dilapidar 3 listas completas”, facendo referencia a todos os mortos que foi deixando Lois Carballido dos que teoricamente eran do seu equipo. “Foi tan malo todo o mundo…”

Valoración da lexislatura

Foi rotundo aquí Mato, e repasou as promesas electorais incumpridas por Carballido no 2019. “Se non cumplo o meu programa, non me volvo a presentar”.
Pose Verdes falou da necesidade de seguir avanzando en saneamento e na necesidade de brindar un novo acceso a Corme pola costa, para humanizar a rúa Real.
Fátima incidiu nas “mentiras dese señor”, en relación ás promesas sobre a Ponte de Xabarido ou a senda de Lestimoño cuias obras ían comezar “xa” en 2019 e aínda están sen comezar. Criticou a apropiación do traballo das asociacións, as obras express de campaña e a política de “falta de mantemento e festa rachada”.
Vidal focalizou de novo nos custes de prensa, e nos erráticos amaños dos campos de fútbol.

Economía

Máis enlamado foi o bloque económico. Entre debates en remantentes, auditorías, informes de interervención, facturas impagadas, xulgados… Mato fixo varias propostas, dende trasladar a oficina de turismo ao recheo a baixar varios impostos ou “traer cartos” de onde sexa.
Pose Verdes puxo o foco na necesidade de transparencia para analizar os “despilfarro”; mentres que Vidal puxo o foco na necesidade de fomentar o comercio local (poñendo zona azul en Ponteceso, por exemplo), e deixou aberta á posibilidade de baixar algún imposto.
Unha idea que combate coa proposta “impopular e progresista” do BNG que considera positivo manter os impostos necesarios para ofrecer servizos públicos de calidade. Rodríguez criticou que siga habendo orzamentos prorrogados dende 2020 e se comprometeu a “realizar todas as licitacións a través dos cauces legais”.

Fátima fíxolle unha pregunta a Mato, en relación a si os compromisos que vén anunciando o candidato popular acadados coas consellerías da Xunta, manteríanse “goberne quen goberne”. “Eu podo facerme responsable das miñas palabras, pero non das da Conselleira”, respondeu o candidato popular.

Servizos Sociais

O bloque de servizos sociais xirou un pouco en torno á viabilidade do formato das Casas do Maio, un modelo defendido polo PP (Mato prometeu polo menos a creación dunha na Campara e outra en Pazos con vistas de ter polo menos unha por parroquia) mentres Fátima Rod. criticou que se falase dun sistema “non público” que “fomenta a precariedade do emprego feminino”, en relación ás escasas axudas da Xunta para as traballadoras.

Mato preguntouse por que hai 482 horas do Servizo de Axuda no Fogar sen usar cando hai 20 maiores en lista de espera, e propuxo axudas directas á Fundación Eduardo Pondal para os campamentos de verán. Fixo alusión aos seus contactos “con Fabiola”, un feito criticado por APIN como “clientelismo”. O voceiro de APIN propuxo ademais a compra de vivendas en cada parroquia, que se poidan remodelar e ofrecer para que convivan persoas maiores.

O BNG propón “remunicipalizar o SAF”, atender ás familias dos maiores, non só aos maiores, e fomentando o emprego. E sobre o Centro de Día propón mancomunar o de Cabana e subvencionar o transporte.
Vidal, pola súa parte propuxo medidas de conciliación como madrugadores ou unha ludoteca, aumentar o SAF, fomentar as actividades deportivas para os maiores ou poñer en marcha o Plan Acompaña, mediante o cal os maiores terán unha visita dun membro de Protección Civil cada semana.

Pactos e liñas vermellas

”A nosa liña vermella é Lois Carballido, non o PSOE”. Ese foi o argumento de APIN, BNG e PG. Máis interesante foi a postura de Fátima Rodríguez, a única candidata que podería ser “obrigada” a pactar por mandato nacional: “Que pregunten aos de arriba que van facer con nós”, deixou claro.

Mato, que incidiu en que non vai abandonar se non goberna, foi máis aberto, e sinalou que traballan, casa por casa, para “gañar a maioría pero que nunca gobernará só”, aludindo a que está aberto a aprender de todos os partidos. O BNG falou de consenso e Vidal de esperar ao 28 de maio que “os veciños dirán que temos que facer”.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios