Venres. 03.05.2024
El tiempo

O pleno de Ponteceso aproba dúas mocións para evitar o peche de dúas aulas no IES Eduardo Pondal

Exposición Ciencia IES POnteceso
Imaxe dunha exposición de ciencia no IES pontecesán
O pleno de Ponteceso aproba dúas mocións para evitar o peche de dúas aulas no IES Eduardo Pondal

O pasado xoves, 10 de agosto, celebrouse en Ponteceso o primeiro pleno ordinario deste mandato. Dúas das mocións máis importantes foron presentadas polo BNG, coa intención de evitar a denegación de servizos educativos para o IES Eduardo Pondal. Ambas foron votadas favorablemente pola totalidade da corporación. 

As mocións esixen ás autoridades educativas que para o vindeiro curso se impartan e non queden pechadas a liña de FP Básica de Servizos Administrativos e a de Educación Secundaria para Adultos. 

No caso da FP Básica de Servizos Administrativos, xa tiña alumnado matriculado cando se comunicou por parte da inspección educativa o peche da liña, aludindo a que non se cubría o cupo mínimo de matrículas, 6 no canto de 8 que esixe o regulamento. 

Desde o BNG enténdese que "estes cupos mínimos non teñe sentido que se apliquen con idéntica esixencia nos centros radicados nas cidades que no rural, toda vez que a propia Consellería de Educación viña aplicando ata o de agora criterios de flexibilidade ao respecto. En calquera caso, posteriormente ao peche desta especialidade, personáronse no centro máis persoas interesadas en cursar esta especialidade, polo que a día de hoxe o cupo mínimo estaría superado". 

Cómpre explicar que a FP Básica é a alternativa educativa para o alumnado con dificultades que sufre o que se chama “fracaso escolar” na ESO, convirténdose na alternativa para que este/as cativo/as acaden o seu graduado en Secundaria co que poder optar a incorporarse no mercado laboral.

No caso da Educación Secundaria para Adultos acontece un problema similar, o cupo mínimo é de 15 matrículas, para este curso están preinscritas 10 persoas que poderían ser algunha máis cando abra o período de matriculación na primeira semana de setembro, pero parece que a inspección educativa non ten previsto tampouco neste caso aplicar flexibilidade ningunha por estar radicado o centro de ensino no rural.

O grupo vai trasladar á Valedora do Pobo este acordo.

Comentarios