Mércores. 09.10.2024
El tiempo

A campaña comercial “Suma en Ponteceso” progresa adecuadamente

IMG_4375b
A axencia Arela Comunicación Sostible firma a campaña.
A campaña comercial “Suma en Ponteceso” progresa adecuadamente

Dous meses. É o tempo que leva a Asociación de Empresarios de Ponteceso coa promoción en redes sociais da campaña “Suma en Ponteceso”, unha iniciativa que naceu con dous obxectivos claros: concienciar aos veciños e veciñas para que fagan as súas compras na rede comercial da súa vila e, tamén, conseguir mentalizar ás propias empresas da necesidade de crear un tecido empresarial e social forte, sobre o que traballar por un futuro.

Se ben o primeiro é unha meta a longo prazo, o segundo parece que xa vai collendo forma. Así o reflexa Juan José Merino, presidente desta entidade: “A campaña está funcionando ben. Na última asemblea de socios que tivemos comunicáronme que a iniciativa ten unha imaxe moi profesional, cun punto diferente ao que se fixo ata agora. En xeral, todos estamos moi contentos cos resultados obtidos”.

Da man de Arela Comunicación Sostible, axencia afincada en Cee encargada de desenvolver este proxecto desde cero, creáronse dous perfís en Facebook e Instagram que se foron alimentando de fotos, vídeos e contidos protagonizados polos propios empresarios e empresarias, e que redundan nas vantaxes do comercio de proximidade. Así, quen visite calquera destas redes atoparase coa historia de María, da peixería Barrena, quen leva moitos anos coidando dun dos principais recursos da zona, ou coa testemuña de outra María, a da Tenda dos Libros, unha libraría que sabe que sen cultura non pode existir un vínculo forte co lugar ao que pertencemos. En “Suma en Ponteceso” tamén podemos coñecer, entre outras, a boa relación que hai entre as traballadoras do Super Diana Rivera ou a historia que hai detrás da tinturería O Tendal, e que reflexa que os inicios non son doados para ninguén.

A campaña ten previsto continuar nas próximas semanas con máis visitas ás empresas de Ponteceso. O obxectivo é, agora, probar que sobran os recursos para confiar nun futuro na zona.

Comentarios