Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A veciñanza de Corme eleva as queixas polo parque eólico das Salgueiras á Valedora do Pobo

Zona de Corme afectada polo Parque Eolico das Salgueiras-Foto-Elsemiguel
Zona de Corme afectada polo Parque Eolico das Salgueiras-Foto-Elsemiguel
A veciñanza de Corme eleva as queixas polo parque eólico das Salgueiras á Valedora do Pobo

O colectivo veciñal Xente do Rural: Salvemos As Salgueiras, de Corme Aldea, segue a loitar polas Salgueiras, tal e como xa vimos incluso en plena corentena. Agora ven de presentar a través dunha asociación local, unha queixa formal ante a Valedora do Pobo en relación ao proxecto eólico Salgueiras, promovido por Norvento S.L. no Concello de Ponteceso.

Unha queixa dirixida á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, na que o colectivo pon de manifesto a falta de transparencia e a opacidade coa que actúa a administración pública, dificultando os procesos de participación cidadá ante a posta en marcha de megaproxectos con amplo impacto social, ambiental e cultural.

Segundo indican, con data 27 de febreiro de 2020 coñécese a Resolución pola que se da publicidade á Declaración de Impacto Ambiental (en adiante DIA) formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no ano 2016, relativa ao proxecto do parque eólico Salgueiras. Enténdese que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas publica desta maneira, unha declaración ambiental formulada no ano 2016, a cal considérase obsoleta ante os cambios normativos acaídos nos derradeiros anos, relevantes pola súa repercusión no ámbito de afección do parque eólico, entre eles o Esteiro do Anllóns ou poboacións como Guxín, Corme Aldea, Froxán ou O Couto.

Esta situación motivou que o colectivo Xente do Rural presentara un escrito de alegación ante a Dirección Xeral de Minas con data 3 de abril de 2020 no que se solicitaba, primeiramente, a suspensión provisional da tramitación do proxecto do parque eólico Salgueiras, en Ponteceso, mentras non se actualice a DIA; segundo, a actualización da DIA en relación aos cambios normativos acaídos desde 2011 e a súa exposición pública para garantir a participación cidadá nos termos legais establecidos e. por último, o acceso en formato dixital ao expediente completo do proxecto eólico Salgueiras, promovido por Norvento S.L. e a todas as modificacións que puideran existir sobre o proxecto inicial.

A día de hoxe e case tres meses despois, dende o colectivo afirman que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, segue sen dar resposta aos requerimentos feitos pola cidadanía unha vez que esta cumpriu cos procedementos esixidos, como o pago de taxas que se impón para poder acceder á documentación pública que afecta a vida de todas e de todos. Un feito que, ao seu parecer, obstrúe a posibilidade de resposta e participación social perante un proxecto que supón un grave risco para o medio ambiente, a saúde, o patrimonio e a cultura dun lugar da relevancia e singularidade como é o Monte Branco, co Esteiro do río Anllóns a escasos metros e zona de influencia para os lugares de Gondomil, Froxán, Corme Aldea ou Guxín.

Por todo o explicitado, este colectivo vén de solicitar á Valedora do Pobo que inste, á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a cumprir co requerimento unha vez que as taxas requeridas están pagadas no prazo correspondente; á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dar resposta aos requerimentos expresados na alegación: a suspensión provisional da tramitación do proxecto do parque eólico Salgueiras, en Ponteceso, mentras non se actualice a DIA; a actualización da DIA en relación aos cambios normativos acaídos desde 2011 e a súa exposición pública para garantir a participación cidadá nos termos legais establecidos.

Comentarios