Luns. 29.04.2024
El tiempo

O Concello de Ponteceso aprobou os seus orzamentos co apoio dos socios de goberno

Concello Ponteceso
O Concello de Ponteceso aprobou os seus orzamentos co apoio dos socios de goberno

Celebrábase onte o pleno de importante pleno extraordinario en Ponteceso. O grupo popular presentaba os Orzamentos 2024, e o pleno aprobou, co apoio exclusivo dos socios de goberno, unhas contas de 6.550.000 euros, un 6,3% menos que o do exercicio do 2020, o derradeiro aprobado. Os tres votos a favor do Partido Popular, os dous de Partido Galego e o único de Agrupación de electores Adiante por Ponteceso superaron ao voto en contra de APIN Espazo Común e ás tres abstencións do PSdeG-PSOE (a edil do BNG non puido estar por motivos persoais pero lanzou a súa protesta por non ter sido informada polo que tería votado en contra).

SAF e persoal

O PP destaca que se duplica o investimento en atención aos dependentes a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e, á vez, se controlan os gastos de persoal. Por unha banda, o goberno local investirá preto de 870.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar, o dobre do que se viña facendo nos derradeiros anos.
Doutra banda, o Concello de Ponteceso só creou un novo posto entre o plantel de persoal municipal. Trátase dun posto de técnico de museo necesario e que vén cofinanciado en parte pola Deputación de A Coruña. En total, os gastos previstos para persoal serán de 2,3 millóns de euros.

Investimentos

Así mesmo, o Concello prevé tres investimentos importantes en obras: un para pistas (130.000 euros), outro para a Casa dos Veciños en Langueirón (75.000 euros) e un terceiro para acondicionar o aparcamento de Valdes (48.000 euros). A estas tres partidas engádense outras varias para alcanzar un total de 407.000 euros neste 2024.

Débeda

Así mesmo, o Concello de Ponteceso inicia o ano 2024 cunha débeda viva de 2.023.527,31 euros.

O PES, ata 2027

Por último, os partidos políticos aprobaron por unanimidade o Plan Estratéxico de Subvencións, que permitirá ás asociacións planificar os vindeiros anos sabendo xa a axuda que obterán da institución municipal. O Concello de Ponteceso destinará 170.000 euros ao ano a esta partida.

Críticas do BNG

O BNG critica que “aínda que nos debates electorais quedaron aquelas verbas do que agora é o alcalde: "Aínda que acade a maioría, falarei con todos os partidos”, a edil nacionalista Fátima Rod. sinala que “falar, falamos, pero cando se trata de decidir sobre o que de verdade importa nin nos chama nin nos escoita: a marca que representa é así, tampouco podíamos agardar outra cousa... se cadra quen lle votou si”.

Por iso lle pon o nome ás contas: “Os Orzamentos de Schrödinger: tarde e ás présas”, sinalando que intervención pediu que o expediente se tramitase en outubro, que ten moitas grallas, con textos en castelán, e con referencias a 2022.

Pero sobre todo o BNG critica que non houbese “diálogo” co resto de grupos.

Críticas de APIN

APIN tamén votou en contra dos orzamentos 2024 por varias razóns. Por exemplo, considera que "aumenta a presión fiscal sobre a veciñanza sin recibir nada a cambio", sinalando que "o ibi segue a ter o gravame mais alto de toda a contorna". 
José Manuel Pose Verdes lembraba tamén de onde veñen os 2 millóns de débeda, e lembraba 1,8 millóns dun préstamo solicitado en 2012, cando gobernaba o PP. 

Critica tamén que no apartado de investimentos faltan algunhas urxentes, sobre todo co tema das inundacións. 

Pero tamén lamenta que non o invitasen a participar no proceso de redacción das contas, ademais da política de "clientelismo e caciquismo" que destila das promesas electorais que o alcalde foi dando tras manter reunións coas Conselleiras do PP.

Comentarios