Mércores. 24.07.2019
El tiempo

Un cormelán no Juan Sebastián Elcano

O cormelán Andrés Collanzo no Juan Sebastián Elcano coa súa muller Toñi López
O cormelán Andrés Collanzo no Juan Sebastián Elcano coa súa muller Toñi López
Un cormelán no Juan Sebastián Elcano

Preto de catro millóns de visitantes celebraron a 125 Kieler Woche na cidade alemá de Kiel. É unha das festas de verán máis importantes do país e na que, desde hai anos, Galicia está moi presente grazas ao traballo incansable do empresario galego Fernando Álvarez, emigrante na cidade e gran embaixador da súa terra e da comarca do Salnés.

Coincidindo co inicio da Kieler Woche e co último porto estranxeiro, o Buque-Escola da Mariña Española Juan Sebastián Elcano estivo atracado no Tirpitzhafen da Base Naval de Kiel. Ademais de formar aos guadiamarinas da Escola Naval Militar Española, este Buque-Escola surca océanos e visita diversos países, constituíndo unha embaixada móbil de España nas sucesivas escalas. Nesta ocasión, ademais de ofrecer unha xornada de portas abertas, celebrou unha xura de bandeira a bordo e unha recepción o domingo 23 na que os integrantes do grupo Maquía e os membros do pavillón español foron recibidos polo comandante Ignacio Paz García e a tripulación da que o galego Jesús Andrés Collazo Castro, natural de Corme forma parte, do mesmo xeito que preto doutros 30 galegos máis entre guardiamarinas e dotacións.

Andres Collazo nunha parada en Mexico
Andrés Collazo nunha parada en México

Para Andrés Collazo é o terceiro cruceiro de instrución que realiza e, aínda que confesa que é moi especial estar ao servizo do país na embaixada flotante máis importante de España, destaca que o mellor de navegar neste buque é a cantidade de países que coñece e o que peor leva é estar moitos meses sen ver á familia. O ano que vén, por exemplo, o Juan Sebastián Elcano viaxará un ano enteiro porque dará a volta ao mundo pero quizais el quede en terra.

"Cando pisas terra, se é a primeira vez que tocas ese porto, sentes ganas de coñecer as partes máis famosas desa cidade. Se xa estiveches, buscas volver ás zonas que máis che gustaron. Vaias onde vaias sempre te vas a atopar con algún galego e non é un MITO. É así. O primeiro que se lles nota é a morriña e despois a resignación porque xa teñen a súa vida feita neses países e saben que non van volver nunca máis a Galicia”. Así narraba para os nosos lectores Andrés Collazo a súa chegada aos diferentes portos do mundo.

Andres Collazo en Kiel durante a recepcion do grupo Maquia

Comentarios