O Couto pon o traxe de gala para o Festiletras

A veciñanza do Couto e as monitoras da Escola de Verán engalando O Couto para o Festiletras

Unha das grandes citas desta fin de semana na Costa da Morte é, sen dúbida, o Festiletras. A aldea gala das letras, O Couto, engalánase para acoller a fin de semana máis importante do ano, no que celebrará a 43ª edición desta singular celebración que convirte o rural galego no epicentro da cultura galega.

Se nestas mañás de agosto, máis de 400 crianzas gozan do mellor campamento de verán do país, polas tardes, a veciñanza do Couto, e as propias monitoras da escola de verán, dedícanse a poñer de gala o lugar para convertilo nun megaescenario de cara ás dúas xornadas de sábado 23 e domingo 24 de agosto.

I é que precisamente, esa implicación da veciñanza, preparando as eiras e as leiras, é unha das características que fai tan especial esta demostración de que a cultura na nosa lingua poder ser capital.

De balde, e de pago

Este ano o programa alternará a entrada de pago coa entrada de balde, para que ninguén deixe de achegarse á aldea. De feito, só serán con entrada os concertos máis potentes da sesión vermú e das noitiñas que se celebrarána na carpa da Eira da Fundación (De Ninghures na sesión vermñú do sábado; Caamaño & Ameixeiras, Dulzaro e Zetak a partir das 21:00h; Ortiga no mediodía do domingo; e Boyanka Kostova e Baiuca a partir das 21:30h). Aínda quedan entradas soltas para cada día, que podedes atopar aquí.

Con todo as e os menores de 0 a 12 anos (incluídas) accederán ao recinto de xeito gratuíto, e ademais, ofrecen unha zona de “leiring” (camping nunha leira) para plantar as vosas tendas.

Homenaxe a KEPA

Fai 15 anos daquela máxica noite que se viviu no Couto nos que se xuntaron os acordeóns de Pazos de Merexo, de Xurxo Souto e de Kepa Junquera. E na vila de Pondal non esquecen ao mestre da trikitixa, e por iso queren renderlle unha homenaxe. A cita será este sábado 23 de agosto, ás 18.00 horas, na rúa Travesa do Couto, acompañado pola música de Pulpiño de Viascón.

Horarios

O cartel é un deseño de Adrián Varela

O programa arrinca o sábado ás 11:00h, coa apertura da Feira de Artesanía, o XI Encontro de Aldeas Singulares e xogos tradicionals coa xente de Miudiño.
De contado comeza o roteiro tratralizado con Suso Martínez polos Cabanotes da aldea, e xa porá a música polo “pasacabanotes” (a versión aldeá do pasarrúas) coa Requinta de Lampai. Ás 12:00h, tamén de falta, haberá na Rúa da Travesa contos con Vero Rilo, Elas e Anxo Moure.

A música contemporánea comezará a resoar na Eira de Pailetes (unha das eiras dunha casa da aldea cedida para convertirse, un ano máis, en escenario) con Eris Mackensie, unha das meirandes promesas do tradi galaico.
E xa de pago, na Eira da Fundación, ás 14:30h, concerto de De Ninghures, a banda, con membros bergantiñáns, que arrasa en toda Galicia.

A tarde continúa as 16:00h con Willow GHZ, un herculino que rapea en galego. Tamén, na Eira da Cantexa, Andrea García Martínez presenta “Animais fantásticos da aldea”.
Non para a actividade con gastronomía e xogos tradicionais, antes da homenaxe a Kepa con Pulpiño, mentres Sechu Sende ofrece a súa palestra sobre “O povo improvisador”.
Unha das citas máis esperadas será ás 20:00h no Espazo Deleite, cos “Contos do Mar” de Carlos Blanco, como previa á noite de concertos de Caamaño & Ameixeiras, Dulzaro e Zetak, na carpa principal.

Para o domingo, máis feira, máis xogos, e máis contos con Anxo Moure e Gloria Mosquera dende as 11:00h. A Casa de Xandavella acolle ás 11:30 unha charla con Pablo Carpinteiro sobre os artesáns do vento, mentres polos cabanotes soará a música dos Farrapos.
Ás 12:00h volve un clásico da música infantil como Paco Nogueiras na Rúa da Travesa. Ás 13:00h, o dúo Abril tocará na Eira de Pailetes, e xa con entrada, Ortiga comeza a súa doble función coa sesión vermú ás 14:30h, xa que repetirá co seu dúo Boyanka Kostova a partir das 21:30h, antes do peche ao festival, un concerto tremendamente especial de Baiuca, que vén de triunfar invocando ás bruxas en María Pita.

Pero antes, na tarde dominical aínda quedan moitas cousas por facer, como escoitar ao dúo herculino “Escuchando Elefantes” (16:00 no Espazo Deleite), escoitar os contos de Vero Rilo (16:30 na Rúa da Travesa), escoitar a charla de Xosé Manuel e Icía Varela sobre Mtilde de Limiñoa (18:00h na Eira da Cantexa), escoitar o pasacabanotes de Donaire coa zanqueira Vanessa Rivas; ou ver a danza “ceibe“ de Fran Sieira (ás 18:30h na Praza do Quinteiro).
A música volve tomar o protagonismo xa ás 20:00h co karaoke de Esteban na Eira de Pailetes, como previa aos concertos, de pago, de Boyanka Kostova e Baiuca.

Máis novas