“A miña clase é unha casa”

O da Escola de Verán do Couto é de conto. Levamos anos poñendo en valor o traballo da Fundación Eduardo Pondal e Asociación Monte Branco, pero non deixamos de sorprendernos, gracias a vivilo dende dentro cos nosos nenos formando parte dos máis de 300 rapaces e rapazas que teñen a sorte de disfrutar do mellor campamento de verán do mundo.
E haberá iniciativas noutras partes do planeta máis completas, máis didácticas… pero na Costa da Morte, en Bergantiños, temos a sorte de contar con esta, e temos que poñela en valor.
41 anos leva funcionando, e nos últimos 4-5 días está vivindo un auxe espectacular. Este mes de agosto coidan das crianzas máis 50 persoas implicadas: 30 monitoras (o ano pasado destacamos o valor destas rapazas que pasan de alumnas a formadoras), 12 voluntarios sénior e outra ducia de monitoras en prácticas, rapaces e rapazas de 15-16 anos que son perfecto exemplo do traballo de canteira do Couto e que tras pasar unha década como alumn@s, agora queren formar parte do equipo de titor@s.

Pero se cabe o máis salientable é a participación da veciñanza nas ensinanzas. “A miña clase é unha casa” dicíanos o pequeno Mauro, de 5 anos, contando como día tras día as casas, os salóns, as eiras… convírtense nas aulas nas que a rapazada fai as manualidades, escoita ás persoas maiores, rabuña na horta, xoga… As manualidades, a horta (coa colaboración das veciñas da contorna), os xogos (a festa da auga é campal), os deportes (fantásticas as xornadas de tarde co monitorado no pequeno campo da Granxa, entre as marismas do Anllóns) son os eixes desta escola apegada á terra.
A veciñanza é parte fundamental desta escola, demostrando o traballo colaborativo que leva facendo esta activa aldea gala da cultura dende hai décadas, e que convirte, por exemplo, o Festiletras no epicentro da cultura galega. Un Festiletras que precisamente arrinca o 1 de setembro cunha sesión formulada para a cativada e que traerá o mellor da música e as letras do país ata o domingo 3.
A vindeira semana falaremos dos voluntarios sénior, ao tempo que lembramos as colaboracións puntuais de veciños como Sergio, culpable da creación do O Tornarratos, o “cine máis pequeno do mundo”.
Escoliña Fest
Ao longo do mes cada semana disfrutan dun par de sesións de baile, para preparar o Escoliña Fest. O ano pasado o festival foi todo un mar de talento interxeracional, onde alumnado e monitorado demostrou as súas habilidades sobre o escenario. Este ano o venres 25, unha nova eira no alto da aldea (a praza do centro da vila quedou pequena) convertirase nun auténtico fervedoiro de creatividade.
NOVAS RELACIONADAS
- 2023: O Tornarratos, o “cine máis pequeno do mundo”.
- 2023: Así foi a presentación do Festiletras.
- 2022: “Estar na Escola de Verán do Couto é sentirte parte dun fío cada vez máis forte; fío de valorar o noso, fío de confraternidade e apoio”.
- 28-08-2022: O festival da Escola de Verán do Couto, un mar de talento interxeracional.
- 02-08-22: 265 rapaces de disfrutan do luxo da Escola de Verán do Couto
- 2021: 160 nen@s disfrutan da Escoliña de Verán do Couto, a envexa do país
- 2018: A Escola de Verán do Couto, o campamento de verán que toda cidade quixera ter.