Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Couto prepárase para outro espectacular Festiletras

Festiletras no Couto
O Couto prepárase para outro espectacular Festiletras

Xa chega o Festiletras nesta edición especial setembro que a Fundación Eduardo Pondal prepara con mimo. Unha edición que homenaxeará ao debuxante ferrolán a Xaquín Marín, como un dos Bos e Xenerosos que sempre premia a entidade.

O amplo programa (do 1 ao 7 de setembro) encherá o pequeno e bravo lugar do Couto, convertíndoa de novo en referente nacional, achegando á veciñanza da comarca ao melloriño do país.

E á rapazada, pois como nos últimos anos, durante varios días o festival coincide durante un par de xornadas coa envexada Escola de Verán. Deste xeito, durante o mércores 1 de setembro, as 160 crianzas que disfrutan deste singular campamento, gozarán de actividades con María Canosa e Ángel Carracedo (“Lendo a ciencia”), con Concha Blanco (“Macedonia de versos”), coa música dos Golfiños e de Magín Blanco e A Banda das Apertas. Pola tarde, as crianzas quedarán con Juan Castro Rivadulla e María Solar, pechando o día coa música de Mamá Cabra e Bellón Maceiras.

O xoves 2 de setembro, Rosa Aneiros arrincará a xornada ás 11:00h co “Lendo a Ciencia”, pero a esa hora tamén haberá cita con Xelís, o guieiro das botellas do mar; e un Obradoiros con mariscadoras e redeiras.
Ás 15:00h haberá sesión de Recollida de Plásticos con Diversiplás; ás 16 .30 horas, contos con Henrique Harguindei e Celso Fernández Sanmartín e ás 17.00 horas, Inacio Vilariño trae os seus Fantoches BAJ “Fábula galénica”. Pechan a cita do xoves, ás 18:00h, dous xa sospeitosos habituais: Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán.

Para o venres a sesión de ciencia maturina será ás 11:00h con Sabela Fernández Trelles. E ao longo da mañá realizarase unha Feira Científica con diversos Obradoiros e Espectáculos para os pequen@s.
Ás 16 .00 horas, Luísa Martínez trae o seu show “Puf, vaia peido”; e ás 18.00 horas, Concerto (con entrada) con Fetén Fetén e Amigxs. Ese mesmo día Xurxo Souto será protagonista nos Bos e Xenerosos.

A mañá do sábado, coma sempre, está reservado para o Encontro de Aldeas Singulares, que chega á súa 8ª edición. Tamén haberá a FESTICOP, Feira das Cooperativas.
Ao longo da mañá a banda Inllar fará o seu pasacabanotes musiqueiro; ás 13:00h, concerto coa Banda Infantil de Xinzo; ás 14:00h, Concerto de Caldo; e ás 15:00h pasacabanotes con A Tagea e A Requinta da Laxeira.
Unha das citas máis imporantes do programa é o concerto (con entrada) de Guadi Galego e Amigxs, ás 18:00h, mentres Elena Ferro convertirase en protagonista dos premios Bos e Xenerosos.

Para o domingo, toca a 39ª edición da Feira de Artesanía, co Espazo Deleite co Melga. Os Viqueiras farán o pasacabanotes con cabezudos. Ás 14:00h, concerto coas Faíscas da Pontraga; e ás 15:00h volven os Pasacabanotes desta volta con Os Farrapos e Xa era hora.
O concerto (con entrada) das 18:00h será con Xosé Lois Romero & Aliboria e Amigxs e Quique Peón será protagonista no Quique Peón.

Ademais, durante toda a semana o Colectivo Mutante, Møu e Sokram realizarán unha intervención artística na Rúa do Campo e Rúa Travesa.

Novas relacionadas

Comentarios