Luns. 14.10.2024
El tiempo

O Couto coñece polo miúdo o proxecto de senda peonil na marxe da estrada AC-424

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Etherl Vázquez, na reunión cos veciños de Couto.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Etherl Vázquez, na reunión cos veciños de Couto.
O Couto coñece polo miúdo o proxecto de senda peonil na marxe da estrada AC-424

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicoulles onte aos veciños do Couto convocados pola Asociación Cultural Monte Branco, de Ponteceso, o proxecto de senda peonil que a Xunta prevé construír na marxe da estrada AC-424 para mellorar a seguridade viaria.

A reunión, á que asistiron tamén representantes municipais, celebrouse a instancias da Asociación Monte Branco, que quixo coñecer de primeira man este proxecto, que se atopa actualmente en proceso de información pública, e para o que os interesados teñen de prazo ata o 31 de marzo para facer as súas achegas.

Os seguintes pasos inclúen a avaliación por parte dos técnicos da Xunta das suxestión presentadas, a súa incorporación, se procede, ao proxecto construtivo, que debe ser aprobado, e, a continuación, iniciar as expropiacións e licitar as obras este ano.

A intervención conta cun investimento duns 270.000 euros, no que se inclúe o pagamento das 5 fincas necesarias apra a súa execución. Trátase de contruír unha senda peonil por ambas as dúas marxes da estrada que vai a Corme, de aproximadamente medio quilómetro, e que dará continuidade á xa existente.

Na intervención tense en conta o reducido espazo que hai entre edificacións neste núcleo o que fai necesario estreitar lixeiramente a estrada, para acadar con carácter xeral os 1,5 metros de ancho de senda.

Coa vista posta en reforzar a seguridade, fundamentalmente dos usuarios máis vulnerables da estrada, os peóns, a velocidade na travesía limitarase aos 40 km/hora, e procederase ao reforzo da sinalización nese treito.

Na xuntanza acordouse analizar a posibilidade de que o Concello habilite  varias prazas de aparcadoiro na vía municipal lindeira.

Ademais, executaranse obras complementarias como a execución dun colector de drenaxe, pequenos muros, a instalación de canalizacións para iluminación e telecomunicacións ou a renovación do firme.  

Comentarios