xoves. 14.11.2024
El tiempo

Do enorme traballo de canteira dende O Couto

Do enorme traballo de canteira dende O Couto
Emprendedores noveis na Fundacion Eduardo Pondal do Couto

"Só ver 50 mozos un sábado ás 11:00h da mañá acodindo a unhas xornadas xa demostra o enorme traballo de canteira que tendes feito". Así expresaba Omar Rabuñal, un dos xovenes emprendedores da zona que pasaron polo Couto a presentar a súa iniciativa, e súa sorpresa ante a boa acollida que teñen todas as actividades nesta aldea gala dun curruncho de Ponteceso.
I é que ver a uns 15 rapazas de entre 15 e 20 anos organizando un evento a golpe de sábado pola mañá implica ter detrás un traballo de canteira de moitos anos. Precisamente, a patroa da Fundación María Xosé Imia, pechaba ás xornadas cunha ollada ao futuro, sinalando que "ogallá que os vindeiros anos, esas rapazas do Couto que estaban escoitando da segunda fila para atrás, sexan as que nos presenten as súas iniciativas". De seguro que así será.

A-Fundacion-Eduardo-Pondal-chea-de-mozos-un-sabado-pola-mana

E nesa liña, no traballo de canteira, no fomento do "emprendedurismo xuvenil" (controvertido palabro), ían estas Xornadas de Novos Emprendendores "Parece cousa de emprendemento" que artellou a Fundación Eduardo Pondal. Unha ducia de mozos da zona presentaron a súas iniciativas empresariais ante un salón de actos cheos de novos e abertos oídos, para coñecer experiencias e aprender dos erros alleos.

Unha Xornadas, por certo, que casan perfectamente ca nova serie de entrevistas que está sacando David Lourido nas súas Bondades da Fala, que van na mesma liña. De feito, aproveitamos as xornadas para facer algunha entrevista máis e para apuntar unha ducia enteira de nomes.

Houbo de todo: iniciativas de moda, de cine, de decoración, de voluntariado, de festival, de proxectos educativos, de audiovisual, e música... Mesmo estivo Ubaldo Cerqueiro explicando o crecemento de Quepasanacosta.

Todo co interese de compartir ideas, de facer perderlle o medo ao fracaso, e de incentivar a ambición persoal e de reincidir nas palabras máxicas: "talento e competencia". I é que estas sesións serven, ademais de para ver que hai moitas cousas por facer, para establecer colaboracións e interrelacións. Estas sesións serven de perfecta formación complementaria, como sinalou Imia, que destacou que as portas da Fundación e da Asociación Monte Branco sempre están abertas para escoitar e axudar a levantar novos proxectos.

De feito, Imia contou que a Fundación ten asinado un convenio ca Fundación Barrié para sacar unhas bolsas de formación non reglada, personalizada, para fomentar o emprendemento, establecendo colaboracións cos Artesáns de Galicia, co Náutico, co Instituto Galego de Consumo, e unha serie de entidades máis que se prestarán a axudar aos mozos da Fundación que se acheguen.

Os erros máis típicos, o uso das subvencións, a necesidade de saber as túas limitacións pero sobre todo o que te diferencia do resto, facer o que che gusta... foron algunhas das ideas que xurdiron nas xornadas.

Experiencia a experiencia

Manolo-Dourado-presentando-a-Escola-da-Rua-no-Couto

Intentaremos traer unha a unha a meirande parte das iniciativas que vimos o sábado no Couto. Pero antes facemos un repaso rápido de cada intervención.

"Como moitos de nós, eu quedei no paro e me dixen: Hai que facer algo". Así abríu as xornadas Loida Neira, diseñadora de moda e blogueira que presentou brevemente como nace a súa nova colección.
Seguíu Lorena e a súa proposta de decoración de interiores, tamén explicando a súa posta en marcha e as súas primeiras colaboracións.
Borja, da Universidade Cromática da Virtudes, presentou o seu proxecto formativo en Corcubión en clave de historia.
Foi Jan Lamas, de Sixtema e autor da aplicación Pandeireta Pro, que tirou de experiencia para falar nun ton máis didáctico. Jan explicou o crecemento da súa empresa a través dunha "aprendizaxe a base de paus", fixándose sempre nun espello accesible, nunca nun soño imposible, e rodeándose dun equipo cheo de talento e traballo. Jan foi desgranando punto a punto os pasos que foron dando para convertirse nunha das empresas punteiras do sector das NNTT en Galicia.

Falou Adrián Varela, fillo do patrón da Fundación Xosé María e un verdadeiro exemplo de como o traballo de canteira sempre trae os seus froitos (proximamente nas Bondades da Fala). Adrián falou do Festival con V de Valarés, e de como segue espallándose. Falou do 2013, e das novidades do 2014, dun evento que mete unha aldea de 4 casas no panorama musical nacional.
Falou, e falou marabillosamente Tamara Lema, mestra de vocación e voluntaria cultural na Fundación. Tamara destacou a importancia de "facer cousas", e de "facer o que che gusta", aínda que nun tempo non sexan traballos remunerados. Ela, malia ser de Cabana, leva dende pequena vencellada ao "mundo Couto", e dá clases tódolos anos na entidade.
Omar Rabuñal, director de cine, emprededor ou non, púxoo claro que o importante é a vocación: "Eu quero ser director de cine", e vai a por iso con todo.

Tocoulle a Ubaldo Cerqueiro presentar o "crecemento sostible" de QPC, e da importancia de crear proxectos dende a base, nunca dende o tellado.

Manolo Dourado sacou a súa Escola da Rúa, tamén facendo fincapé en emprender no que a un lle gusta. As risas chegaron con Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, as Mucha e Nucha, ca súa produtora Aira Pro. Un caso distinto probablemente, que nace do inmenso talento destes dous, da casualidade e do traballo. Xa levaban 300 actuacións (moitas veces perdendo cartos) das Mucha e Nucha por todo o país ata que chegou a chamada de Gayoso...

Finalmente, e para dar o toque final, Maria Luz Imia, da asesoría Gespyme, explicou os pequenos pasos necesarios para fomar unha empresa, algo tamén necesario nestes procesos de creación de iniciativas empresariais.

Así, intentaremos traer unha a unha as propostas deste 12 bravos novos emprendedores.

Tourinan-presentando-Aira-Pro-no-Couto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios