Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Dous bloques das vivendas dos Mestres de Ponteceso poderán ser rehabilitados como vivendas sociais

Vivenda social nas antigas casas dos mestres de Ponteceso
Dous bloques das vivendas dos Mestres de Ponteceso poderán ser rehabilitados como vivendas sociais

Un dos puntos máis importantes do pleno do pasado xoves no Concello de Ponteceso, foi a aprobación da desafectación dos bloques 6 e 8 das vivendas dos Mestres. Todos os grupos políticos votaron a favor de alterar a cualificación xurídica das vivendas como bens demaniais de servizo público para transformalas en bens patrimoniais, o paso previo para proceder a súa regularización e solicitar a desafectación do servizo educativo á administración educativa.

Estes dous bloques son o terceiro e o cuarto (dun grupo de seis) que pasarán a ser desafectados, despois de que en 2017 se fixese cos números 10 e 12, situados na Rúa Colexio. Deste xeito, unha vez finalicen os trámites, estas vivendas do 6 e 8 da Rúa Ponteceso poderán ter usos de carácter social, lúdico ou cultural en beneficio da comunidade. Un novo uso que, polo momento, non está proxectado.

Cobrar polas fabas

Para que ao concello non lle volva pasar o da pasada festas das Fabas (o grupo do PP, que criticara en varias ocasións que o grupo socialista regalase as fabas na Festa da Trabe, tivo que deixar sen cobrar as racións en outubro pola falta dunha ordenanza municipal), o executivo municipal tamén aprobou -coas abstencións de PSOE e BNG na votación- a Ordenanza Xeral Reguladora dos prezos públicos. A ordenanza xeral reguladora desbloqueará problemas que poidan xurdir en celebracións como a Festa do Percebe o a das Fabas.

Novas relacionadas

Comentarios