Este martes ábrese ao tráfico a necesaria rotonda de Valarés


Máis de 2 anos de procedemento e máis dun ano de retraso sobre as previsións iniciais, a necesaria rotonda de Valarés (ou Balarés, como segue utilizando a Xunta a pesar das loitas en clave patrimonial da xente da zona) ábrese ao tráfico este martes 6 de agosto.
A actuación servirá para mellorar a seguridade viaria na intersección da estrada Ponteceso-Corme (AC-424) no punto quilométrico 1+550 coa DP-6803, no cruce que dá acceso á praia de "Balarés".
As obras consistiron na construción dunha glorieta de 28 metros de diámetro con dous carrís de catro metros, o que implicou despexar e rozar máis de 1.000 metros cadrados e a escavación de 2.000 metros cúbicos de terreo. Segundo apuntou a delegada territorial, o proxecto estaba claramente xustificado, pois ata este momento existía unha intersección coa estrada provincial DP-6803 en forma de T e sen carrís de espera, polo que a incorporación dos vehículos resultaba dificultosa. Ademais, eliminouse unha curva de radio reducido que dificultaba os movementos dos condutores debido á falta de visibilidade.
Proceso de expropiación
Para levar adiante esta actuación foi preciso un proceso de expropiación que afectou a catro predios e que implicou un investimento de apenas 5.000 euros. As expropiacións foron necesarias para executar a glorieta, cun diámetro mínimo que se establece na orde circular de accesos nas estradas convencionais de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, así como para entroncar os carrís de entrada, especialmente o ramal procedente de Corme na AC-424.
Novas relacionadas
- 25-04-13: Comenza o proceso de expropiación para a rotonda de Valarés.
- 07-02-12: A necesaria rotonda de Valarés estará lista en xuño.
Fonte
- Xunta.