Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Gran acollida na presentación do libro "O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños" en Ponteceso

Cerca dun centenar de persoas asistiron á presentación do libro.   “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños”
Cerca dun centenar de persoas asistiron á presentación do libro.
Gran acollida na presentación do libro "O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños" en Ponteceso

Durante a tarde do sábado, 18 de xullo, celebrouse en Anllóns o acto de presentación do libro “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños”, nun evento organizado polo Concello de Ponteceso que comezou ás 19 horas.

A primeira intervención realizouna o condutor do acto, Javier Couto, quen explicou que o Instituto de Estudos de Bergantiñáns, que escribiu o libro, é “unha asociación cultural que se creou co obxectivo de estudar e dar a coñecer o patrimonio natural, histórico e cultural da comarca de Bergantiños”. Tamén relatou a importancia que o río Anllóns cobra para a bisbarra, exercendo como “columna vertebral do territorio”.

“Por iso, vendo a importancia que ten o río para todos os bergantiñáns, quixemos abordar un estudo integral do río, para que a poboación da comarca acade un maior coñecemento do mesmo e unha maior conciencia sobre a súa conservación”, afirmou Javier Couto. “O proxecto prolongouse ao longo duns dous anos, e supuxo un traballo intenso dun grupo de membros da nosa asociación, pero tamén de moitas outras persoas de fóra, que colaboraron achegando información sobre diferentes aspectos relacionados co tema”, engadiu.

Despois, o dúo formado por Ana Sánchez e Clara Amado interpretou unha canción, que deu paso ao discurso do alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido. “Hai uns anos, o Instituto xa tivo unha colaboración co Concello de Ponteceso, para facer un caderniño sobre as parroquias de Langueirol e de Xornes. Nós vimos o interese que había e pedímoslles que o seguinte proxecto que fixeran estivese relacionado co río Anllóns”, afirmou o alcalde.

O rio anllons arteria principla de bergantiños libro

Tras isto, participou o deputado Xurxo Couto, en representación da Deputación Provincial da Coruña, e cada un dos cinco autores do libro asistentes ao acto: Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis A. Giadás Álvarez. Cada un deles explicou de forma individual a súa parte do libro.

Posteriormente, Clara Amado e Ana Sánchez interpretaron outra peza e procedeuse á ronda de “rogos e preguntas”. Tras a intervención por parte do público coas súas dúbidas, o alcalde do municipio despediu o acto agradecendo aos asistentes a súa presencia, e levouse a cabo outra actuación musical por parte do dúo.

Ademais, realizouse unha firma de libros, e protección civil estivo presente en todo momento para controlar que se mantivesen as medidas de seguridade relativas ao covid-19, tales como a utilización de máscaras e o mantemento de distancia social.

Comentarios